Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

“Cinema e Resiliencia”, un ciclo de cine para destacar a capacidade humana a adaptarse ás situacións adversas

Organizado pola A Fundación Araguaney-Puente de Culturas en colaboración coa Deputación da Coruña, celebrarase como preámbulo da Semana de Cine Euroárabe AMAL 2021 // Poderanse ver gratuitamente tres ficcións e un documental, todos os luns do 27 de setembro ao 18 de outubro no salón Olivo do hotel Eurostars Araguaney de Santiago

A Fundación Araguaney-Puente de Culturas presenta “Cinema e Resiliencia”, un ciclo de cine organizado en colaboración coa Deputación da Coruña. Comezará o luns, 27 de setembro, e continuará con outras tres proxeccións o luns-4 de outubro, o mércores-13 (cambio de día por motivo do festivo da Hispanidade), e o luns-18. Poderanse ver de maneira gratuíta no salón Olivo do hotel Eurostars Araguaney de Santiago, ás 20 horas, ata completar o aforo. O público poderá ver e desfrutar con tres películas de ficción e un documental onde a resiliencia, entendida como a capacidade dos seres humanos para adaptarse positivamente ás situacións adversas, será o eixo central das proxeccións.

Dada a situación actual marcada pola pandemia da covid-19, e co fin de garantir a seguridade dos espectadores do ciclo, a Fundación Araguaney-Puente de Culturas estableceu un estrito protocolo, con medidas de hixiene, protección e aforo á sala #culturasegura. Recoméndase asistir á proxección con antelación polo que se habilitará o acceso 20 minutos antes. Será obrigatorio o uso de máscara e xel hidroalcohólico, manter a distancia de seguridade, usar o asento asignado e evitar as aglomeracións na entrada e saída do recinto.

Será indispensable a reserva previa de invitacións gratuítas no correo electrónico inscripciones@araguaney.com (nome + teléfono), cun máximo de dous por persoa. Cada inscrición abrirase a semana anterior á proxección e finalizará ás 15 horas do propio día da sesión. Non será posible reservar entradas para varias películas de maneira simultánea. Así, a inscrición para a primeira película abrirase mañá mércores. A Fundación Araguaney-Puente de Culturas celebra o ciclo como preámbulo da Semana de Cine Euroárabe AMAL 2021, da que proximamente se darán a coñecer os detalles da súa programación.

> Luns-27 de setembro. 20 horas

“Capharnaüm”. Ficción. Nadine Labaki / O Líbano e Francia / 2018/ 126 minutos

Zain, un neno de doce anos intelixente e valente, sobrevive aos perigos das rúas da cidade grazas ao seu enxeño. Fuxindo dos seus pais, e facendo valer os seus dereitos, recorre á xustiza para demandalos polo ‘crime’ de darlle a vida. Nadine Labaki é unha actriz e directora de cinema libanesa. Nadine é actualmente un dos maiores referentes do cinema árabe contemporáneo e destacou tamén na súa faceta como directora de spots e videoclips. Con ‘Capharnaüm’ foi nomeada aos Óscar e os Globos de Ouro e recibiu o premio do xurado no Festival de Cannes.

> Luns-4 de outubro. 20 horas

“La noche de 12 años”. Ficción. Álvaro Brechner / España, Arxentina, Uruguai e Francia / 2019/ 123 minutos

1973. Uruguai está baixo o poder da ditadura militar. Unha noite de outono, nove presos Tupamaros son sacados das súas celas nunha operación militar secreta. A orde é precisa: “como non puidemos matalos, imos volvelos tolos”. Os tres homes permanecerán illados durante doce anos. Entre eles, Pepe Mujica, quen máis tarde chegou a converterse en presidente de Uruguai. Álvaro Brechner é realizador, produtor e guionista de orixe uruguaia. Comezou a súa carreira dirixindo varios documentais, entre eles “The nine mine walk”, ata o ano 2009 no que escribiu, dirixiu e produciu a súa ópera prima “Mal día para pescar”. Máis tarde dirixiría “Mr. Kaplan”, obra que lle valeu numerosos premios tanto en España como en Latinoamérica. A súa última longametraxe, “La noche de los 12 años”, foi seleccionada na 75º edición do festival internacional de cinema de Venecia e recibiu o Premio Goya ao mellor guión adaptado en 2019.

> Mércores-13 de outubro. 20 horas

“Alma Mater” (Título orixinal: Insyriated). Ficción. Philippe Van Leeuw / Bélxica, Francia e O Líbano / 2017/ 85 minutos

Oum Yazan, nai de tres fillos, atrapada dentro da súa casa, converteu o seu apartamento nun porto seguro para a súa familia e veciños, tratando de protexelos da guerra. Philippe Van Leeuw é un director de cinema e guionista belga. Fixo o seu debut coa longametraxe “The Day God Walked Away” (2009). A cinta “Alma Mater” recibiu o Premio do Público no Festival de Berlín e o Gran premio do público ao mellor filme no Festival de Sevilla.

> Luns-18 de outubro. 20 horas

“Gaza Surf Club”. Documental. Philip Gnadt e Mickey Yamine / Alemaña e Palestina / 2016/ 87 minutos

O documental narra a vida dun grupo de mozos e mozas atrapados na prisión ao aire libre máis grande do mundo, Gaza, unha nova xeración que se lanza ás praias. Fartos da ocupación e o bloqueo, atopan a súa válvula de escape nas ondas do Mediterráneo: son os surfeiros de Gaza.

Os directores: Mickey Yamine e Philip Gnadt. Mickey Yamine é un produtor, director e escritor exipcio, que se trasladou a Alemaña cando tiña dezaoito anos. A súa ópera prima “Tropic of fear” obtivo unha mención honorífica no Festival de Locarno e foi emitida na televisión alemá. Philip Gnadt é un director alemán que funda Substanz Filme en 2003. Traballa como director independente de películas corporativas e documentais.

15 sep 2021 / 14:12
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.