Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
O cineasta Oliver Laxe ou a cociñeira Lucía Freitas participan na que será a gran mostra do Xacobeo, no Gaiás // Contan con persoas de diferentes eidos, como a ciencia ou o audiovisual, que amosarán proxectos a longo prazo TEXTO Andrea Oca

Como será a Galicia do futuro?

Pese á interrupción que trouxo consigo a pandemia nos diferentes sectores, o talento galego seguiu funcionando e son moitas as ideas que afloraron neste período. Co obxectivo de coñecelas e de responder á incógnita de como será a Galicia do futuro, a Consellería de Cultura vén de presentar a que nace como a gran exposición deste Xacobeo, Galicia futura. A mostra comezará no Museo Centro Gaiás o vindeiro 14 de xullo e, lonxe de ser unha exposición artística común, pretende abarcar proxectos de diferentes ámbitos con protagonistas moi recoñecidos. Entre os creadores convidados pola Xunta figuran persoas tan coñecidas coma o cineasta Oliver Laxe, director da galardoada película O que arde, e que esta semana recollerá outro premio no Festival de Málaga.

Laxe foi precisamente un dos creadores que acompañou ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, na presentación do evento realizada onte no Gaiás. Con eles estiveron os outros participantes, case unha vintena de expertos nos seus campos. A compostelá Lucía Freitas, gañadora dunha Estrella Michelin no seu restaurante A Tafona, é outra das personalidades que exporán na mostra como será a Galicia do futuro, neste caso, no eido gastronómico. Tamén haberá espazo para a música coa coñecida na industria como a raíña do hip hop galego. Trátase de Sofía Trigo, máis coñecida polo seu nome artístico, Wöyza, quen vén ademais de participar no programa Galicia Emerxe da TVG.

A innovación, tanto no cine coma na gastronomía ou na música, son claves para garantizar o futuro e o éxito en ambos sectores, como tamén é vital a innovación en ciencia. Por iso, de cara a coñecer en que están a traballar os científicos galegos Galicia futura terá entre os seus participantes á médica e investigadora, coordinadora do Grupo Cellcom do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña, María D. Mayán, e ao catedrático de Química da Universidade da Coruña, Moisés Canle. Un do principal eido de traballo da investigadora María D. Mayón é a búsqueda de novas terapias para tratar o cancro; e Moisés Canle é unha desas persoas que traballa para que teñamos un medioambiente máis limpo e para eliminar elementos contaminantes de medios como a auga. Ambos aproveitarán o evento para reiterar a importancia que ten a investigación e a necesidade de aumentar os recursos públicos. Completan o panel científico a catedrática en telecomunicacións Edita de Lorenzo e o director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, Carlos Salgado.

O catedrático de Historia Contemporánea da USC, Xosé Manuel Núñez Seixas; a profesora de Economía da mesma universidade, María Loureiro; o comisario e director da Fundación Didac, David Barro; o arquitecto Carlos Quintáns, a deseñadora Nuria Carballo ou a profesora de secundaria Marisa Calderón participan tamén neste proxecto, que conta ademais con profesionais máis vinculados ao mundo empresarial, de ámbitos como o tecnolóxico, agroalimentario, turístico ou do deseño.

TALENTO DA CASA. Román Rodríguez anunciou na rolda de prensa de presentación deste proxecto que a exposición funcionará “como unha plataforma para dar a coñecer canto de innovación se está facer en Galicia”, pero tamén como un “elemento reactivador do sector cultural”. “Unha vintena de proxectos culturais foron encargados e estanse a desenvolver con motivo desta exposición, unha mostra que incorpora unha enorme dimensión de apoio á creación en Galicia nun momento no que se precisa”, engadiu o titular de Cultura do Goberno galego, quen subliñou que estamos ante un proxecto netamente galego, que, en si mesmo, reflicte a capacidade da nosa Comunidade para artellar propostas culturais de envergadura. A escolla do Museo Centro Gaiás non é aleatoria e coincide co décimo aniversario da apertura ao público da Cidade da Cultura. Por iso, segundo o conselleiro, Galicia futura suporá “unha innovación en canto a contidos e formato, unha ampliación do que estaba a acoller ata agora o Museo Centro Gaiás, reunindo unha escolma artística de enorme calidade, pero colocando tamén a ciencia e a tecnoloxía nun lugar protagonista”.

A exposición está comisariada polos divulgadores Miguel Ángel Cajigal, no ámbito artístico, e Deborah García, no científico. A comisaria explicou que se procura “facer visible como as conexións entre os diferentes campos do saber nos permiten comprender a súa progresión e como a creatividade -inherente ao eido das artes pero tamén ao científico e tecnolóxico- unida ao talento e ao esforzo se traduce en pulos cara ao futuro en diferentes momentos da Historia”. Pola súa banda, Cajigal insistiu en que este proxecto do goberno galego “convidará ás persoas visitantes a unha viaxe como a que fixemos nós como comisarios, na procura das claves e estratexias que están a configurar o porvir de Galicia xa desde o momento presente, preguntándonos como queremos que sexa o futuro de Galicia sabendo que é case máis importante o camiño que nos leva a este futuro que o destino en si mesmo”.

Datos
As caras detrás deste gran evento

··· A comisaria Deborah García Bello é química e divulgadora científica. Investiga ciencia de materiais aplicados á arte contemporánea no Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña, dirixe as xornadas Ciencia & Arte de Bilbao e forma parte do equipo de formación e transferencia científica de L’Oréal. Traballa tamén como divulgadora en diversos programas de televisión e radio a nivel autonómico e nacional co obxectivo de comunicar a ciencia dun xeito áxil á poboación, e aumentar así o coñecemento e o interese nos diferentes traballos.

··· O outro comisario da mostra é Miguel Angel Cajigal Vera, historiador da arte e divulgador cultural. Forma parte do equipo educativo da Fundación Cidade da Cultura e tamén dirixe o posgrao en Educación en Museos e Espazos Culturais que se pode cursar na Universidad Miguel de Cervantes. Tamén colabora como divulgador con diversos medios de comunicación galegos e estatais. Como un dos maiores expertos e museos, está centrado en dinamizar a relación entre estas institucións e a cidadanía para achegar á arte ao público. Considera que non chega con atraer turistas, senón que hai que aproximar a creación ao público local.

01 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito