Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

‘Compostela en Negro’ no día da violencia de xénero

Minuto de silencio e manifesto ás 12.00 h no Obradoiro // Reparto gratuito de máscaras con mensaxes reivindicativas nas farmacias

“A partir de xuño, co desconfinamento, os profesionais que traballan con mulleres en situación de violencia de xénero perciben un aumento das demandas de atención por parte das vítimas, o que conleva, paralelamente, un aumento das denuncias por violencia machista”, con estas palabras presentaba unhas semanas atrás a concelleira de Igualdade, Mercedes Rosón, a campaña deste ano do programa municipal Compostela en Negro.

Hoxe, no Día Internacional contra a Violencia de Xénero, está previsto un minuto de silencio e a lectura dun manifesto no Obradoiro por parte de toda a corporación municipal. Segundo o texto pactado polos grupos, “o confinamento que se adoptou dende marzo a maio de 2020 coma medida sanitaria preventiva visibilizou a crueza e acrecentou a situación de dificultade en que se atopan moitas mulleres e menores que conviven cos seus agresores” e agravou por tanto a súa situación. No texto tamén se sinala directamente á cultura patriarcal como responsable: “Desde que empezou a contabilización oficial, en 2003, 1.074 mulleres foron asasinadas a mans das súas parellas ou ex parellas. A causa de todas estas violencias está directamente relacionada coa hexemonía patriarcal aínda vixente na nosa sociedade”.

Unha das principais mensaxes que se quere transmitir hoxe a toda a sociedade de Compostela é que a lacra da violencia machista tamén está moi presente en Galicia, polo que compre non mirar cara outro lado. “As mulleres que sufriron ou sofren violencias por parte da súa parella ou exparella sitúanse no 33,9% en Galicia, e no 33,6% no conxunto do Estado. Violencia que se manifesta de múltiples formas: psicolóxica, económica, física ou sexual... por ser mulleres”.

Como parte da campaña deste ano, inclúese o reparto de máis de 4.000 máscaras con mensaxes como Loito contra o machismo, Eu tamén fago autocrítica ou Non axudo. Fágoo. Pódense recoller nas farmacias da cidade e tamén se enviou un lote aos colectivos de mulleres e colectivos LGTBI. Co gaio do semiconfinamento que estamos a vivir, porase en marcha nas redes sociais o cancelo #EnNegroDendeACasa, que acompañará as historias de sensibilización que se difundirán durante o día. Tamén se difundirá en diferentes centros sociais un vídeo no que varios homes explican a súa visión do que implica a violencia de xénero.

Segundo a corporación municipal as cifras anuais de mulleres asasinadas “volven de novo sinalar a necesidade de que a loita contra este tipo de violencias deba ser unha prioridade institucional e política para as administracións públicas de todos os niveis de goberno. A administración local ten que cumprir coa súa obriga e responsabilidade de achegarse, informar e protexer ás mulleres en situación de vulnerabilidade por mor das violencias de xénero”, explican.

Todos os grupos da corporación, PSOE, PP, Compostela Aberta e BNG reiteran hoxe o compromiso de Compostela e dos seus políticos para “continuar promovendo medidas concretas, actualizando estudos sobre a situación das violencias de xénero, desenvolvendo políticas en materia de igualdade no ámbito preventivo e educativo, achegando recursos económicos, e impulsando campañas que traballen pola erradicación desta lacra”.

Outras institucións públicas realizan actividades especiais no día de hoxe. Unha delas é a Universidade de Santiago que, na Facultade de Educación, desenvolve dende as 16.00 h unhas xornadas en liña destinadas a dotar aos futuros mestres de recursos en galego para educar en igualdade.

25 nov 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito