Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Con que pouco xeito baten nas tixolas

    HAI XA DÍAS que nos foron presentadas nas pantallas dos televisores unhas imaxes que cando menos nun principio se ofreceron tan cheas de luz como de ruído. Coido, ou quero supolo así, que tal oferta foi destinada a que cada espectador fixera a súa propia composición de lugar e obtivese as súas propias consideracións. Contando coa discreción do lector voume atrever a expresar as miñas.

    O primeiro que terei que advertir é a consistencia das imaxes, brillantes e ruidosas, iso sí, nas que unhas xentes de Madrid batían nas tarteiras e nas tixolas (que por alí chaman cacerolas e sarténs) cunha afouteza que moitos considerarán digna de millor causa mentres outras amosaban pancartas, outras máis eran entrevistadas polos reporteiros das diversas cadeas de televisión e outras máis camiñaban en manifestación ou participaban nela soberbiamente subidos a bordo dun fermoso automóbil descapotable dende o que, chantado nun asento traseiro e megáfono en man, arengaba ás tropas de infantería con consignas e mensaxes varias. Berlanga non o imaxinaría millor, a escopeta nacional “con faldas y a lo loco”.

    A primeira pregunta que me fixen, ante tan brillante e musical mostra de opinión foi a de ónde baixaría aquela barafunda de xentes ben peiteadas, pertrechadas e mesmo tan confiadas na súa capacidade de sintetizar criterios dun xeito tan elocuente coma sinxelo ou mesmo simple. Non sei porque, acaso por unha memoria enfermiza, acaso porque efectivamente eu sexa unha calamidade intelectual, véuseme ás mentes a escrita aforística e maila dramatúrxica de Enrique Jardiel Poncela, dono da ilustre pluma que (loxicamente) ilustrou a xeneracións enteiras de xente, non poucos da miña idade e polo que se ve a non moitos dos seus netos, de forma que botei man de contado ás súas Máximas mínimas (Miracle, 1937, Barcelona) co que xa pode ir o lector dándose unha idea, senón aproximada si certa, de por ónde ían as miñas sensacións con independenza tanto da súa oportunidade como da súa adxudicación tan inmediata e pode que un chisco precipitada; pero así son as cousas estas da inmediatez do mediático e ustedes saiban disculpalo.

    Voulles reproducir algunhas desas ‘máximas mínimas’ de autor tan sobranceiro pra que se poidan ir dando unha idea de ónde, de que ceo ou paraíso baixaron, de que mundo procedían non poucas das xentes que conformaban as tales manifestacións que, ou moito me equivoco ou o que leron, se é que leron algo, foi a obra de Jardiel Poncela, causante dalgún xeito logo de que a interiorizasen logo de asistiren ás representacións teatrais das obras do esgrevio dramaturgo; ou de que, ben polo contrario, chegasen a eles as súas doutrinas por vías inmateriais, cando non mistéricas, porque hai cousas que son propias de encantamentos; por exemplo, o pensamento cuántico efectivamente transmisible a causa de que vai polo aire e ven polo vento.Velaí van.

    “Unha muller gorda non se diferenza dun hipopótamo senón en que se baña moito menos”, a primeira das súas máximas mínimas, a 1045, que efectivamente o é, como acaban de comprobar. Sigamos. “Onde vexas unha cascuda ou unha muller fea, pisaa”, a 1046. “Os novelistas sicolóxicos saben que a alma é un pretexto pra encher trescentas páxinas de estupideces”, a 1047. “O equilibrio do mundo apoiase na desigualdade” a 1049 que, xunto coas anteriores, extraio da edición que fixo delas Edhasa no ano 2000. Poden crerme se lles digo que son o resultado de ter aberto o libro ó chou. Imaxínense a cantidade de sandeces que poden coller nas 1388 máximas mínimas que compoñen o total delas.

    Esta xente que acode, dende Las Rozas, a se manifestar en familia ou a carón dun descapotable de luxo, procede dese entorno medio ambiental formado polos lectores que, no seu tempo, leron a Jardiel Poncela e polos que nestes len a Alfonso Ussía cun pseudoaristocrático e desusado fervor. Descenden daqueles “niños de Serrano”, en realidade veñen sendo os mesmos, asentados no mesmo sistema de valores e en idéntica concepción del mundo, convencidos que viven de que un uso apropiado da enseña nacional os protexe millor ca unha mascarilla cirúrxica, que, nun non tan vello artigo -publicado que foi no seu momento no que Luis María Ansón denominaría o verdadeiro ABC- reproducía o seu xeito de falar: “Vamos a Perdices a tumbar la aguja” (tradución, vamos hasta la cuesta de las Perdices a poner a tope la aguja del velocimento el coche) ou “Vale más volatil en mano que cuadrado de diez fluctuando por el etéreo” (traducción, “vale más pájaro en mano que ciento volando”) ó tempo que seguen pensando que o equilibrio social, o seu, se apoia na desigualde e, efectivamente son desiguais ó resto maioritario da poboación composta pola cidadanía en troques da súa exigua pero poderosa lexión de patriotas.

    Teñen todo o dereito a manter unha opinión e a manifestala, claro que o teñen. Pero facelo dende un descapotable é algo que cualifica e define unha actitude, unha visión do mundo, unha insólita versión de desnudismo intelectual, un se quedar en pelotas pra dicilo de contado. E con todo que mal ou¡vido teñen estas xentes, con que pouco xeito baten nas tarteiras e nas tixolas!

    Manexar manexan ben a cobertería, forquiñas e culleres, pas do peixe e coitelos de carne, pero tan pronto como teñen que coller unha pota do caldo, confúndena cun bombo co que marcar o compás ó resto da, cidadanía desbaraxustanse por completo, perden o ritmo, todo se volve ruido e non caen na conta de que o bombo non é deles, deles é tan só o autobombo.

    23 may 2020 / 23:51
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.