Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENTREVISTA
Carlos Castaño, propietario de Karymo Peluqueros

“Contamos cunha boa base de profesionais, cos que mantemos un moi bo ambiente”

Perruqueiro de vocación, Carlos Castaño arrancou sendo un adolescente nun sector no que acabaría desenvolvendo a súa vida profesional. Formado en Santiago, abriu o seu primeiro salón, en conxunto coa súa muller Mónica Chaves, no 2003, cando apenas tiña 22 anos. Nese momento nacía Karymo Peluqueros, na rúa Carreira de Conde, un proxecto que non parou de crecer en todo este tempo e que agora está presente, ademais, en Cacheiras e en Padrón.

Como se iniciou neste mundo?

Dende rapaz gustoume sempre o tema dos peiteados, sobre todo os de cabaleiros. Fixen EGB, pero como me gustaba moito este sector, con 15 anos, recentemente saído do colexio, metinme nunha academia de Santiago e xusto coñecín a unha persoa á que admiro moito, Maika Ferreira, de Maika Peluqueros. Así, estiven, durante máis dun ano, traballando e aprendendo con ela, axudándome moito profesionalmente e comezando, con ela, o meu periplo cos peiteados femininos.

E como comezou entón a súa carreira profesional?

Ao acabar a academia, funme a Coruña para especializarme no tema de home e aos 18 comecei a traballar, xusto cando se inaugurou El Corte Inglés de Santiago. Estiven dous anos alí, despois pasei por outro salón da cidade e no 2003, con 22 anos, empecei no mundo empresarial, o cal xa me viña de familia (meu pai era empresario), polo que contei cunha pequena axuda deles xunto coa da miña muller, sendo os dous socios.

Comezamos cun pequeno salón de peiteado na Carreira do Conde, que é onde nos mantemos a día de hoxe, a miña muller, unha empregada e máis eu; logrando bastante éxito, polo que fomos avanzando no sector ata contar cos tres salóns actuais.

Que toque lle intentaron dar ao seu salón?

Nos enfocámonos a todo tipo de clientes dende o principio, cun servizo dunha calidade media/alta, o máis sofisticado e personalizado posible. E despois, non temos unha tendencia en concreto, senón que intentamos estar a última, dar imaxe e adaptase ao gusto de cada cliente, porque temos un abano de público moi amplo, dende un neno ata unha señora maior. Chegamos a todo tipo de públicos e a todo tipo de técnicas e de tendencias.

E a partir desa primeira sede, ampliaron o negocio á comarca?

Aos cinco anos de abrir Santiago, abrimos outro salón en A Coruña, pero o traxecto era moi grande e viaxando dúas veces por día facía case a vida na estrada, polo que decidimos centrarnos na comarca de Santiago. Así, no 2008, abrimos en Cacheiras e ao ano e pouco traspasamos a da cidade herculina. E despois, no 2012, compramos o local en Padrón para montar un terceiro salón, afianzándome na miña terra, e ao final estou moi contento coa acollida.

Como coordina os tres puntos?

En cada salón teño unha encargada e despois, a través da oficina de Padrón e das visitas aos salóns, teño reunións continuamente con elas e xestionamos os produtos e as necesidades de cada un deles. Sexa telefónica ou persoal, temos o maior contacto posible para coordinar a todo o equipo, porque somos bastantes empregados.

É moi importante ter un bo equipo de profesionais?

A base dunha empresa é un bo equipo. Neste momento, por exemplo, a encargada de Santiago comezou con nós, a de Padrón leva case nove anos, e a de Cacheiras sete. É complicado facer un equipo, pero agora xa contamos cunha boa base de xente, coa que mantemos un moi bo ambiente e un trato moi persoal. E a verdade é que estamos moi contentos.

Como lle afectou o covid a un sector como o seu, pola súa experiencia persoal?

Somos un sector ao que lle está prexudicando, pero como a todo o mundo. Por sorte, nós creo que coa base que temos montada, colleunos ben e imos avanzando. Iso si, tamén nos sacudiu e o que máis nos afecta é o tema do IVE, porque somos bastantes empregados e hai menos actividade. Neste momento, estamos traballando menos xente que o normal, con varias persoas en ERTE, pero está complicado. A xente tamén ten medo, aínda que temos uns protocolos de hixiene e seguridade moi marcados e traballando con cita previa, algo que non era costume nos nosos salóns.

Ademais, anuláronse moitos eventos, como as vodas, un sector no que tiñamos moito traballo. E tamén baixaron as comidas familiares, para as que había moita xente que se viña a tratar, pero a situación é a que hai. Aínda así, foi unha pena, porque en marzo estabamos a buscar máis persoal para traballar e tiñamos en mente unha nova apertura para finais de ano ou principios do 2021. Por iso, imaxino que se aguantamos, de cara ao futuro agardamos que recolleremos os froitos.

momentos

1 Inicios. Con 15 anos comezou no sector, entrando nunha academia de Santiago. Alí coñeceu a Maika Ferreira, quen lle axudou moito.

2 Karymo. No 2003, con 22 anos, e coa súa muller, Mónica Chaves, abriron o seu primeiro salón na rúa Carreira do Conde.

3 Comarca de Santiago. Froito do éxito logrado neste primeiro salón, no 2008 abriron en Cacheiras, Teo, e no 2012 en Padrón, vila natal de Carlos. Alí tamén está a oficina dende onde xestionan todo.

4Xestión. Máis dedicado agora á coordinación dos salóns, Carlos delega a xestión nas encargadas de cada un deles, coas que garda unha comunicación moi estreita.

5 Vida familiar. “A miña muller, centrada máis agora na vida familiar, e o meu fillo, Yago, son os que levantan o ánimo cada día e me axudan a seguir adiante”.

12 oct 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito