Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Corentenas e política. Leccións do pasado

    O 3 de xaneiro de 1865, Austin M. Acevedo (Ribadeo, 1806), médico do balneario de Arteixo , escribía desde de Santiago de Compostela, onde tiña a súa residencia: ¿por qué no pueden existir los virus...puesto que podemos conocerlos por sus efectos? Las epidemias y los contagios, tan distintos de otras enfermedades, ¿no nos dicen de una manera harto elocuente, que aquellos existen, que son cosas en sí, y que, como tales pueden producir los tifus, las pestes y toda clase de contagios? Tentaba replicar, co artigo no que viña incluído este parágrafo, publicado en El Siglo Médico, aos anticontaxionistas que negaban a existencia de “esas cosas” e, como consecuencia, a transmisión por elas das epidemias e, o que era máis grave, rexeitaban a necesidade das corentenas, confinamentos e fumigacións que se estaban a dispoñer para seu control.

    As primeiras razóns desta oposición estaban no espírito positivista que se estaba a impoñer na medicina, polo que se negaba todo aquelo que non puidera ser demostrado por probas experimentais convincentes, a poder ser de laboratorio. E certamente, os microorganismos, como axentes patóxenos, non o foron ata finais do século XIX. Por outra parte, os contaxionsistas, invocando ao que hoxe denominamos o principio de precaución, sinalaban que aínda que non se coñecera o axente, os seus efectos eran evidentes e, sobre todo, as medidas que se estaban a tomar sobre restricións na mobilidade de persoas e mercadorías demostraran con bastante claridade a súa eficacia preventiva.

    Ata aquí, o que podería ser un dos tantos debates dos que está chea a historia da ciencia. Pero o que ten de singularidade e de exemplaridade (e por iso estimo o seu interese actual e, polo mesmo, as leccións que se poden obter da súa lembranza) é a politización que sufriu en España este debate no século XIX, sobre todo na primeira metade, época na que o libre cambio e o comercio era defendido con afouteza e decisión, contra outras tradicións económicas, por unha burguesía liberal en ascenso, que ollaba nas corentenas e confinamentos un formidable atranco aos seus intereses comerciais. A verdade foi que houbo unha alianza de feito (con todos os matices que se lle queiran poñer) entre unha ciencia positivista e un capitalismo emerxente, que derivou nunha adhesión das diferentes correntes políticas liberais cara ao anticontaxionismo. Pola contra, os conservadores, con tradicións económicas máis vencelladas á terra e menos sensibles aos efectos das medidas sanitarias, non tiveron problemas en aceptar a teoría do contaxio e todo o que conlevaba de medidas restrictivas e que xa os gobernos borbónicos viñan de aplicar con insistencia desde o século anterior.

    As alternancias no poder de conservadores ou liberais non fixeron máis que poñer en evidencia esta diverxencia: cando dominaban os liberais ata as publicacións que falaban a favor da teoría do contaxio eran proscritas e os seus defensores mirados como propagadores dun “pensamento reaccionario, fiel a los déspotas Borbones” (Peset, JL y M, 1977). E cando chegaba a quenda dos conservadores, as corentenas e confinamentos volvían ter facilidades para se desenvolver e as lexislacións para principiar un camiño no que a xustiza, en parte, ía depender das autoridades sanitarias e non das ordinarias. Como é posible que se poida establecer en toda a Monarquía unha autoridade nova e independente? Comentaban escandalizados os liberais diante destas novidades lexislativas inspiradas nas ciencias médicas.

    Aínda non está avaliado (nin sei se se fará algunha vez, porque non sería políticamente moi correcto) o custo en vidas e dores desta resistencia das forzas progresistas do momento ás corentenas. Pero semella evidente que houbo ese custo, pois estas medidas, con eficacia variable segundo as diversas situacións nas que se produciron, mostráronse durante prácticamente todo o XIX como a única barreira de contención das moitas epidemias, co seu ronsel de mortes, que neste tempo transitaron por España.

    Seguramente tamén, o debate científico que alimentou estas diverxencias duraría moito menos se non se vira reforzado polas cuestións económicas e políticas coas que se mesturou. De aí que, cando menos, deberiamos obter unha lección destes acontecementos: Que as decisións derivadas dunda reflexión científica (das ciencias médicas, neste caso) non se mediaticen nin se deturpen como consecuencia dos seus efectos económicos, e xa non digamos pola súa adscripción política. A ciencia, certamente, depende da sociedade e cara a ela debe traballar, pero tamén, e moi claramente, ten os seus propios ámbitos de decisión e os seus métodos de traballo específicos, que ningunha outra instancia debería alterar.

    Pero tampouco se podería ignorar que disciplinas novas cunha importante compoñente de ciencia social como a epidemioloxía, teñen aínda unha amplo marxe de imprecisión e inseguridade e que as respostas que dan a determinados problemas complexos poden ser diversas. O que non as descualificaría como ciencia (que sempre presentan os seus límites, por moito que se nos queira falar da súa infalibilidade). Outra cousa sería que á incertidume, que xa ten de seu, se lle engada toda a confusión extrema que lle poden meter os intereses do mundo económico e político. Pois diso era, en definitiva, do que eu quería falar.

    12 oct 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.