Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Agromantes é una iniciativa que se alía con persoas con sufrimento psíquico e facilita os seus relatos en primeira persoa coa intención de visibilizar as súas vivencias// Fai a súa premiere o14 de xaneiro, ás 20 horas, no Teatro Principal Andrea Barreiro

Creación cinematográfica desde a psicodiversidade en Santiago

Son media ducia de curtametraxes de corte documental, producidos dentro da iniciativa Agromantes. Un proxecto que a realizadora Cora Peña desenvolveu xunto co Grupo de Apoio Mutuo de persoas psiquiatrizadas de Compostela, co apoio da Concellería de Cultura da cidade. Un obradoiro cinematográfico e outro de escea contemporánea -coordinado este último pola directora escénica Camila Vecco- deron paso á realización dos “gromos audiovisuais”, relatos en primeira persoa baixo a temática común dos procesos de sufrimento psíquico, experiencias dentro do marco da psiquiatrización, ou psicodiversidade en xeral.

PREXUÍZOS E LOUCURA. Son diferentes aproximacións a un fenómeno que permanece relegado a ollos do público xeral, “cuberto polo manto dun tabú histórico”, detallan nun comunicado. Con todo, os relatos producidos no laboratorio, historias protagonizadas por persoas que sufriron, ou sofren, procesos de psiquiatrización, non son contos doutra galaxia. Fronte aos prexuízos de perigo e incomprensión ou a sensación de outredade que suscita o tema da loucura, está a realidade común e compartida do sufrimento psíquico, no que calquera persoa pode alcanzar un pico, cruzando a artificial barreira de cordura/tolemia, especialmente nos tempos inestables actuais.

Deste xeito, o enfoque en primeira persoa “achéganos valiosísima información de persoas ás que a dureza das súas vivencias lles fai, ás veces, ir por diante na comprensión dos misterios da psique, ou, nun terreo máis social, ser máis conscientes das fisuras do sistema.”, explican.

Son pezas cheas de tenrura, sensibilidade, honestidade e, sobre todo, valentía por parte dos protagonistas que se atreven a dar un paso á fronte, recoñecéndose publicamente como psicodiversas.

“Este colectivo acalado, moitas veces maltratado, descartados os seus argumentos e vivencias polo estigma desvalorizador, ten tanta necesidade de expresarse como o resto de nós de escoitalo. Existe un innegable tabú en torno ao tema da loucura; porén, nesas vivencias silenciadas hai moita riqueza humana -potencialmente artística- que temos perdido ata aquí, con escasas excepcións”, explican.

Esta é a razón de ser primaria do proxecto. Desde a iniciativa sinalan a importacia de facer ver ao público o “muro de silencio, cando non de prexuízo que existe arredor da saúde mentar”, por iso pretenden que o espectadores empaticen e comprendan “un pouco máis aos afectados e as súas problemáticas”. Con todo, indican que tamén queren “reivindicar unhas voces valiosas, unhas narrativas asomborsas ata hai pouco sacrificadas por bárbaras ou acaso impuras, molestas”

AS CURTAMETRAXES. Son case media ducia de pezas audiovisuais de curta duración que amosan a vida dos seus propios creadores, os que lle dan forma ao propio proxecto. Rosalía é unha destas curtas. Constitúe unha peza documental que acompaña a unha muller, Rosalía, no día mundial da Saúde Mental. Unha crónica que supón unha oportunidade para coñecer o tecido activista na cidade e da voz á propia Rosalía para resignificar o seu diagnóstico psiquiátrico.

Outra das curtametraxes é Fran. Dúas pezas audiovisuais conformadas por dous pequenos textos escritos no seu “matutino exercicio creativo-terapéutico, e gravadas para o Laboratorio Agromantes de 2021”, explica sobre o seu traballo.

Paula, outra obra de Agromates, unha peza evocadora, na que Paula, estudante de Comunicación Audiovisual, deixa a sensación de que as estructuras familiares son responsables en boa parte dos desequilibrios que sufriría ela desde que era moi nova.

Pola súa parte, en Manuel, o seu protagonista crea un estilo híbrido entre documental e ficción, cun toque máis experimental. Así, a peza de Manuel reflexa as penurias dunha persoa hipermedicada por razóns psiquiátricas, cunha enorme afectación no resto da saúde.

DOCUMENTAL. Por último, en formato documental, facendo uso das voces en off, Patricia e a súa familia repasan o que significa vivir cos síntomas do trastorno bipolar, en primeira persoa e como convivintes. Patricia evoca un pasado familiar, cun pai maltratador, como trauma fundador da súa doenza. Esta é a última peza que se presentarán na premiere: Patricia.

As creacións de Agromantes comezan este próximo venres, 14 de xaneiro, a mostrarse ao público, iniciando unha serie de pases en salas. A estrea contará coa presentación do propio colectivo que protagonizou e realizou as pezas.

07 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito