Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
O SEMUS sumarase ao traballo diario da organización, que inclúe formación laboral, talleres educativos, acompañamento a maiores ou doazón de alimentos // A súa atención multiplicouse desde que comezou a pandemia

Cruz Vermella, ‘cerebro’ do novo servizo municipal de urxencias

Primar a atención ás necesidades acrecentadas ou creadas pola pandemia é a prioridade actual do Concello de Santiago, tal e como comunicou o alcalde durante o pleno extraordinario celebrado a pasada fin de semana. Iso inclúe ir un paso máis alá, chegar onde ata o de agora non se chegaba ou non coa inmediatez requerida. A cinco letras de SEMUS albergan esa idea: Servizo Municipal de Urxencias Sociais. Pensado para actuar os 365 días do ano e as 24 horas do día, a súa labor cubrirá principalmente as emerxencias que se produzan fora do horario de atención dos Servizos Sociais do Concello.

Caídas, altercados, situacións de violencia de xénero... os puntos de actuación serán variados e Cruz Vermella non só acudirá de forma inmediata, senón que iniciará os procesos administrativos pertinentes. “Se non existe un servizo urxente, a solución ao problema atrásase. Ata agora quedaban moitas horas sen cubrir, especialmente en horarios como os nocturnos”, explica a coordinadora de Cruz Vermella Santiago, Rocío Ovalle.

POSTA A PUNTO. A razón de que Cruz Vermella fose a entidade escollida baséase na experiencia da organización en canto a atención social e en xestión de emerxencias, precisamente as patas do novo servizo. De feito, os chalecos vermellos pódense ver habitualmente ao lado dos de Protección Civil en actos sociais nos que se precisa reforzar a organización e a seguridade, como un concerto na Quintana ou un partido de fútbol no estadio Vero Boquete. A dúbida que queda agora é cando se porá en marcha o servizo pois falta por axustar o procedemento. É dicir, de que maneira recibirá Cruz Vermella os avisos e como será a xestión posterior. Non se sabe polo tanto se o usuario accederá de forma directa, mediante un teléfono habilitado, ou de rebote tras chamar ao 112.

Máis alá deste servizo, son moitas as funcións diarias que realiza Cruz Vermella na cidade. Neste momento está en marcha unha formación a cargo da agrupación Cruz Vermella Xuventude, que se encarga de realizar diferente actividades cos máis novos. É o caso do taller de alimentación saudable que está a desenvolverse no instituto Eduardo Pondal. E a finais do ano pasado, coincidindo coa celebración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, tamén se trasladaron aos máis pequenos ferramentas para evitar que desenvolvan actitudes de desigualdade de xénero. Foi a cargo de voluntarios como Cris, Alba ou Antón, os mesmos que crearon o photocall da imaxe superior. A isto hai que sumar as tarefas de orientación laboral como os cursos de Auxiliar de Produción de Alimentos Frescos ou o de Limpeza con Maquinaria Industrial, ambos en desenvolvemento neste intre.

Pero, sen dúbida, o gran reto ao que tivo que facer fronte Cruz Vermella nos últimos tempos foi a pandemia. A súa labor foi especialmente necesario durante os primeiros meses da crise sanitaria, cando saíu a flote a precariedade coa que vivían moitos veciños. Coa chegada do COVID, esas circunstancias víronse agravadas tal e como mostran as cifras de familias ás que se tiveron que doar alimentos. “Normalmente cubrimos necesidades alimentarias específicas de entre 50 e 80 familias. O ano pasado, 310 familias cubriron estas necesidades”, explican desde esta organización. De feito Cruz Vermella realizou servizo de entrega de alimentos a domicilio, unha modalidade que non se fixera antes.

“Chegaban nunhas condicións moi extremas, cando xa esgotaran os recursos de axuda de familiares e cando xa tiñan algunha débeda sobre a mesa”, explica a coordinadora de Cruz Vermella na capital galega. Rocío Ovalle tamén incide no acompañamento a persoas maiores tras percibir un agravamento do estado de ánimo de moitas delas, debido en parte á soidade. A todos lles ofrecen unha conversa ao outro lado do teléfono, do mesmo xeito que o fan os membros de Teléfono da Esperanza.

VOLUNTARIADO. Para que todo o contado poida materializarse, a labor do voluntariado da Cruz Vermella é fundamental, igual que a contribución dos socios. Normalmente, a organización contaba cuns 300 voluntarios en Santiago, mais a pandemia fixo que a solidariedade de moitos aflorase. Así, tívose un incremento de 100 voluntarios o pasado ano. “É moi importante salientar que son persoas que quixeron saír da casa para axudar ao resto nun momento complicado, e iso fala moi ben da nosa conciencia social”, destaca Ovalle. Son esas persoas ás que vimos cargando caixas de froita ou cartóns de leite, e acercando ás casas material escolar.

Os máis pequenos son tamén os protagonistas dunha importante labor da asociación: o Programa de Familias Acolledoras da Consellería de Política Social, xestionado por Cruz Vermella. Permite que moitos nenos e nenas en situación de risco, desamparo ou desprotección social, tutelados ou en garda pola Xunta, poidan habitar nun entorno familiar axeitado de forma temporal, unha labor que as familias acolledoras realizan de forma altruísta co único obxectivo de mellorar a vida dos acollidos na medida do posible.

En resumo, a labor social de Cruz Vermella é ampla e en diferentes direccións. Toda esa experiencia porase agora ao servizo de calquera veciño co novo servizo de urxencias coa intención de que nunca se chegue tarde a ningunha situación.

02 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito