Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Impresión 3D ou complexas funcións matemáticas son algunhas das temáticas que o alumnado do Xelmírez II presentou onte ó investigador Ángel Carracedo
// “Pedimos que se valore e se invista máis en ciencia”, insisten. TEXTO Andrea Oca

Da teoría á práctica: futuros científicos no Xelmírez II

Traballar fóra das horas de clase e sen que a nota que se obteña conte para a media, e facelo no curso máis importante da etapa escolar: 2.º de Bacharelato. A idea tamén lle soaba rara aos alumnos da rama científica do Xelmírez II que durante os últimos meses se converteron en pequenos investigadores mais, conforme avanzaron nos seus proxectos, as dúbidas disipáronse e a satisfacción fixo acto de aparición. O resultado chegou hoxe en forma de nove traballos presentados por alumnos do segundo ano do Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, coa axuda do persoal investigador das universidades galegas e titorizados polo propio profesorado do instituto Xelmírez II. O acto contou cun espectador de excepción no xurador, o investigador Ángel Carracedo, quen destacou a calidade dos traballos. Todos obtiveron a máxima cualificación e, en palabras do propio Carracedo, todos darían acceso aos alumnos ás mellores universidades, chegando a citar a Oxford.

Tal e como destacou a directora do centro, Pilar Tobar, “academicamente non lles fai media, sen embargo todos están encantados e moi ilusionados. Hai que ter en conta que estiveron en contacto con científicos e investigadores reais”. Un proxecto co que o centro sacou a letra dos libros e pasou á práctica, coa liberdade de escoller a temática na que cada alumno estivese máis interesado. Un deses participantes de excelencia foi Adrián Caamaño, cun proxecto que consistiu nun motor en dous tempos, modelado a través do ordenador e co que contou coa técnica de impresión 3D. “Teño interese polo mundo da automoción e vin a posibilidade. Foron preto de seis meses de traballo porque, inda que me gustaba e non me foi moi difícil, foi unha tarefa tediosa e co uso de comandos de certa complexidade”, explica este alumno. El, igual que o resto, tiveron dúas horas lectivas a maiores polas tardes, ás que houbo que sumar outros ratos do seu tempo libre. Para Alejandro, o resultado é moi gratificante malia todas as dúbidas que xorden durante o traballo de campo. “Eu desmontei unha motoserra desde cero. O que eu investiguei pode aplicarse en clases de mecánica ou para divulgar as novas tecnoloxías. E tamén é importante ter en conta o modelado e impresión 3D no eido sanitario”, engade este pequeno investigador, ao cal lle gustaría estudar Enxeñería Mecánica se a nota media así o permite tras a ABAU.

Outro dos proxectos destacados é a complexa tarefa matemática á que fixo fronte Laura Rodríguez, cun procedemento para atopar as raíces dunha función polinómica. Unha tarefa para que tivo que ir máis alá dos coñecementos que se estudan en 2.º de Bacharelato, co que certificou o seu gusto polas matemáticas e co que conseguiu afondar no funcionamento das aplicacións que realizan cálculo de ecuacións en Internet. “Xa existen moitos programas así, pero agora son capaz de debullalos, de comprendelos desde dentro”, explica Laura, a quen lle gustaría estudar Enxeñería Aeroespacial a partir do próximo curso. Como muller e futura científica que é, anima ás rapazas a que estuden as ramas STEM, e pide tamén programas para fomentar a ciencia entre elas: “No noso ano a cousa está equiparada, pero no caso de 1º. de Bacharelato só hai unha muller”.

MODELO EDUCATIVO. No que coinciden tanto Alejandro coma Laura, e o resto de compañeiros, é na aprendizaxe obtida coas súas investigacións. Algo que lles permitiu non só entender mellor os conceptos estudados de forma teórica, senón ampliar coñecementos e fixar mellor o estudado. “Pode que penses que non das feito algo porque non o entendes, pero na práctica si ves que es capaz. Axuda moito, e conéctase con diferentes ramas da ciencia”, explica Alejandro, quen incide en que a ciencia, desde a lingüística ata a física ou matemática, é accesible para todo o mundo. Laura, quen pon en valor proxectos realizados polas súas compañeiras, como un enfocado a encriptar e desencriptar imaxes, aproveita para reclamar un cambio de modelo: “O sistema educativo ten que tender máis a aplicar os coñecementos. A min axudoume a salvar o curso, a emocionarme por algo en lugar de asimilar información”.

Tamén Alejandro comparte a súa demanda sobre o sistema educativo, e ambos coinciden nunha petición aos políticos: a ciencia debe ter máis peso. El considera que non hai demasiado espazo adicado á ciencia nos programas dos partidos; e Laura engade que se precisa moita máis inversión, “porque despois chega unha pandemia mundial e non hai laboratorios nin recursos suficientes”.

Agora, ambos pensan no proba de acceso á Universidade, a cal se enfrontarán a final de curso despois do remate dun período escolar nunca imaxinado. “Tiñamos planificada unha excursión ao CERN, e non a puidemos facer. Temos moita menos diversión e contacto social do que nos gustaría, e iso tamén resulta complicado”, lamenta Alejandro. Ambos, sexa cal sexa a nota que obteñan e a rama de estudos que escollan, demostran que as novas xeracións son moito máis do que en ocasións se fai ver.

09 abr 2021 / 16:14
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.