Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

“Daríame vergoña mostrarlle as letras á miña avoa, son moi íntimas”

Pedro Mafama, que é Pedro Simões, naceu no ano 1992 no barrio de Graça, situado na capital portuguesa. Este feito marcaría de maneira significativa a súa vida e carreira musical, que pasa a construírse a partir de retallos dispares: a tradición, a cultura, a identidade. Coñecedor da música portuguesa, as súas cancións son unha viaxe polos ritmos que inundan o país de norte a sur, atravesados —coma se dun raio se tratase—, pola contemporaneidade: os sons do electrónico e do urbano. O seu álbum debut, Por Este Rio Abaixo (2021), é o resultado desta fusión. Mafama tocará esta noite (21:30) na Praza Central da Cidade da Cultura, no penúltimo Atardecer no Gaiás, enfrontándose a un público que, di, se sente próximo, cunha bagaxe e unha identidade cultural que une a galegos e portugueses.

Como lle influenciou medrar en Lisboa á hora de crear a súa música?

Eu crecín en Lisboa nun barrio moi típico, Graça. É un barrio moi tradicional, con moita cultura do fado, pero tamén ten moita mestura cultural, hai unha comunidade africana e musulmana moi forte. Esas dúas cousas influenciaron que eu xuntara a cultura tradicional portuguesa, tan presente neste barrio onde eu crecín, e a cultura portuguesa contempóranea, que pasa moito por esa música afro-portuguesa. Eu quería conciliar as dúas cousas, o pasado e o presente.

Hai unha clara fusión entre o tradicional e o contemporáneo.

A miña música mostra como a música e a tradición portuguesa ten unha raíz africana. Moita xente descoñece que o fado ten unha influencia africana moi forte. A miña música crea unha ponte entre este universo ibérico, africano e magrebí.

Cre que este tema da revisión histórica interesa a xuventude actual?

Eu creo que si, porque estamos intentando lidar co noso presente. O tema da multiculturalidade e da interacción entre culturas é moi forte, é un dos grandes temas da nosa actualidade. Ademais pola casa, estamos nun sitio que vive esa historia multicultural dende hai séculos: Portugal, e tamén España, Galiza, etcétera, son territotorios que teñen unha multiculturalidade dende os tempos dos árabes, tiveron tamén moita influencia africana. A península ibérica ten moito que dicir sobre este tema. Temos moito que aprender se ollamos cara atrás, cara as nosas raíces, e moitas cousas que ensinarlle ao presente.

E canto hai de busca da identidade propia na súa música?

Moito. As miñas cancións sempre teñen unha parte con referencais a unha tradición musical específica; por exemplo, teño unha canción que se chama Leva que é un cántico de pescadores do sur de Portugal, dos pescadores da pesca da sardiña que cantaban estes cantares colectivos, coma un mantra. As miñas músicas adoitan ter visións locais moi específicas, teñen unha parte rítmica do norte do Portugal, ou cancións nas que aparece o fado directamente. Pero as letras, á hora da verdade, son moi íntimas: historias persoais e demos persoais. Son letras moi íntimas que me daría vergoña mostrar á miña avoa directamente (ri). Gústame contrapor esas vivencias persoais cunha dimensión máis científica. Se non, se a miña música fose só un ensaio sobre as sonoridades portuguesas e ibéricas, sería moi fría, moi académica. Por iso as combino con cousas tan íntimas. Penso que se no futuro teño un fillo, vaime dar moita vergoña ensinarlle a miña música, pero sinto que é importante facelo así.

Fálenos do seu disco ‘Por este río abaixo’.

É un disco que mestura musicalidades de Portugal enteira, de norte a sur. Bebe moito da música árabe e da música africana. O disco é unha referencia a un álbum icónico da música tradicional portuguesa, que se chama Por este rio acima, do Fausto Bordalo Días. O título é o inverso, Por este río abaixo, asi que é unha forma de homenaxear a tradición pero, ao mesmo tempo, seguir polo meu camiño.

E o álbum fía unha historia.

Xoga moito coa metáfora dunha persoa que está na terra e parte para o mar. Hai unha narrativa que é a de partir para o mar e atopar os demos que hai no alto mar, que son os problemas. Entón o disco toca este tema tan portugués do mar, os barcos, etcétera, pero faino como unha metáfora das vivencias persoais e os demos persoais.

Coñece algo da música galega?

Si que coñezo, coñezo vagamento. A nosa tradición musical é moi próxima. Sei que detrás de moita da música portuguesa vaise atopar música tradicional galega tamén.

Pero nunca tocou en Galiza. Está emocionado por iso?

Vai ser a primera vez, si. Estou moi contento. Sinto que vou cantar para unha cultura que é moi próxima da miña, e coa que quero compartir as miñas pesquisas e a miña estético. Estou nervioso por ver a reacción do público galego e tamén por coñecer mellor á cultura e ás persoas de Galiza.

26 ago 2021 / 01:13
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito