Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Dez anos despois do éxito que tivo en Estados Unidos o filme de Emilio Estévez e Martin Sheen, a Ruta Xacobea volve protagonizar unha produción audiovisual internacional // É a grande aposta da Xunta para a promoción do Xacobeo 2021 // Estrea en exclusiva en Amazon Prime Video o 22 de xaneiro TEXTO G. López

De ‘The Way’ a ‘3Caminos’

Dez anos despois da estrea en salas comerciais de The Way (novembro de 2010), o Camiño de Santiago volve protagonizar unha produción audiovisual internacional, que desta volta levará a experiencia da Ruta Xacobea a fogares de todo o mundo a través da plataforma Amazon Prime Video, onde a serie 3 Caminos se estreará en exclusiva o vindeiro 22 de xaneiro.

Ambas producións contaron cun importante investimento económico da Xunta, co mesmo obxectivo agora que hai unha década: difundir os valores da Ruta Xacobea e a imaxe de Galicia como meta dos camiñantes. De feito, 3 Caminos, produción encabezada pola empresa compostelá Ficción Producciones, recibiu o impulso definitivo para a súa materialización coa súa selección como proxecto adxudicatario dunha subvención autonómica de 1,5 millóns de euros, convocada co fin de realizar unha importante obra audiovisual con motivo da celebración do Xacobeo 2021.

Nestes dez anos de diferencia resulta evidente a progresión cuantitativa e cualitativa tanto da atracción do Camiño de Santiago e do fenómeno da peregrinación en todo o mundo como da propia industria audiovisual, que no caso concreto de Galicia experimentou nesta década unha profesionalización e proxección internacional sen precedentes, en paralelo aos novos xeitos de produción, distribución e exhibición ligados ao vertixinoso crecemento do mundo online. Desta evolución dan conta non só as numerosas seleccións e premios internacionais das producións galegas, senón tamén a calidade e capacidade dos seus equipos de produción, artísticos e técnicos, que –como se reflicte cada ano nas diferentes convocatorias do programa de axudas da Xunta ao sector– xoga xa nas primeiras ligas mundiais.

Boa proba disto é o traballo de Ficción Producciones, que conseguiu implicar no seu proxecto 3 Caminos non só á plataforma Amazon Prime Video, senón tamén ao grupo alemán Beta Films e a diferentes coprodutoras de Italia, Corea do Sur, México e Portugal. “É unha serie que reflicte os valores do Camiño, que fala da amizade e o resultado final é moi bo. En Amazon están moi contentos despois de ver os capítulos”, destaca Mamen Quintas, productora executiva da serie e directora de Ficción Producciones. Neste sentido, tamén sinala o gran momento do audiovisual galego: “Está on fire. Moitos traballos que se fan aquí teñen unha enorme repercusión tanto a nivel nacional como internacional. De feito, nós rodamos 3Caminos en inglés. E pese a situación sanitaria, puidemos seguir rodando. Penso que o audiovisual está nun moi bo momento”.

Mentres, desde o departamento de Industrias Culturais da Xunta, o seu director, Jacobo Sutil, afirma que o que non cambiou neste tempo, dende The Way a 3Caminos, é a extraordinaria capacidade de difusión do cinema e da televisión, que neste caso “suporá proxectar a imaxe de Galicia como meta do Camiño, asociada aos seus valores espirituais e en estreita conexión coa natureza e coa tradición”. “3Caminos é un exemplo claro do gran momento do audiovisual galego e da súa presenza a nivel internacional”, incide Sutil.

Foi así tamén no caso de The Way, produción de Filmax, dirixida por Emilio Estévez e protagonizada polo seu pai, Martin Sheen. A súa repercusión internacional, especialmente en Estados Unidos, traduciuse nun aumento considerable dos peregrinos norteamericanos: en 2019 foi o terceiro país estranxeiro que máis camiñantes, con más de 20.000, aportou ao balance anual que elabora a Oficina de Acollida ao Peregrino.

O Camiño volve protagonizar agora outra gran obra audiovisual, que se suma á listaxe de fitas españolas e internacionais de temática xacobea, entre as que tamén atopamos un destacado título da animación galega como foi O Apóstolo (2012), primeira película europea rodada coa técnica de stop-motion estereoscópica.

20 dic 2020 / 00:51
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito