Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENTREVISTA
ALFONSO ZARAUZA Director de cine, recolle hoxe un dos premios Cineuropa

“Deberíase valorar máis o noso audiovisual: en Galicia fanse películas extraordinarias”

“Con ‘Os Fenómenos’ fun a 35 festivais e me preguntaban que pasa en Galicia que se facían tan bos filmes. Nos medios non nos visibilizan o suficiente”

Cunha illa paradisíaca como escenario, Ons adéntrase nos sentimentos enfrontados dos protagonistas: amor e desamor mestúranse con compañía e soidade. Choques emocionais que, en certo modo, conectan cos sentimentos actuais de moitas persoas en medio de pandemia. Sen afondar moito no filme, poderíase pensar que se trata dunha historia de amor nunha paisaxe fermosa. Sen embargo, vai más alá. Ons mostra como a contorna se converte á vez en cárcere e en refuxio sinalando o camiño vital das personaxes e determinando a visión do espectador. Hoxe, o seu director, o compostelán Alfonso Zarauza, recolle un dos premios do ciclo Cineuropa.

Un cineasta de Compostela premiado na súa propia cidade. Nin o covid o empaña, non?

A verdade é que resulta marabilloso que te recoñezan na túa cidade, no que eu considero o meu festival. A pena que teño é que, coas normas de aforo, pouca xente poderá ir ao teatro aínda que o feito de que se poida celebrar xa é en si unha alegría. Hai unhas semanas estreamos a peli no festival de Sevilla, é a primeira vez que estreo sen estar presente.

Polo título moitos poden pensar que se trata dunha película sobre a illa de Ons, mais só é o entorno.

Si, é un filme completamente ficionado pero, á vez, ligado á realidade, aínda que non á de Ons. A illa simplemente pon o espazo. As personaxes son de mentira pero hai moitos aspectos da trama que si proveñen da illa. Ten moitísimo peso porque especialmente aporta moita forza. A rodaxe foi en outubro e novembro pero tamén rodamos moito en verán porque é un paraíso.

De que nos fala o filme se houbese que resumilo nunha palabra?

A escaseza. É un thriller emocional no que as personaxes teñen a escaseza como temática: teñen necesidades de apego afectivo, amor, instinto maternal... hai escaseza de todo iso. Todo isto forma unha mampara sobre as súas necesidades. A historia de base é a dunha parella en crise. O máis importante desta película é o que non se ve.

Todo iso pódese relacionar tamén coa situación de moitas persoas durante a pandemia?

Si, non foi intencionado pero si que resultou premonitorio. O paradoxo de soidade da illa transmite unha idea de que a liberdade tamén pode ser, ao mesmo tempo, unha prisión. Vén moi a conta da situación actual. Estivemos confinados pola forza pero sendo conscientes de que é polo noso ben. É dicir, fago o que teño que facer aínda que non sería o que máis me gustaría.

Pese a todo, a película rodouse antes da situación actual.

De feito tardamos moito en financiala, cinco anos, porque é unha coprodución. Isto permitiu que a propia historia evolucionase. Para min é a miña mellor película con diferencia. Está relacionado cunha época da miña vida, igual que o resto dos meus filmes. En Os Fenómenos pedíamo o corpo falar da crise do ladrillo. Cando comecei a escribir este guión a miña vida cambiara, viña de dúas rupturas sentimentais. Falo en realidade do meu estado vital, desa necesidade de ter parella. De feito na película hai unha metáfora sobre este tema que realiza a fareira, ela fala dos barcos pero realmente fai referencia a esa necesidade de amor e de compañía. Necesitamos un apego porque temos medo á soidade, medo ao vacío...

Apostas de novo polos actores galegos?

Todos os actores son galegos salvo unha actriz belga e un actor portugués. En Galicia temos moi bos actores cun nivel altísimo. Neste filme, Melania Cruz é protagonista absoluta, está nun estado de madurez incrible a nivel interpretativo. Con outros actores como Antonio Durán ‘Morris’ ou como Miguel de Lira traballo habitualmente.

Temos que valorarnos máis neste aspecto?

Penso que si hai que valorar máis o panorama audiovisual galego. Co filme de Os Fenómenos fun a trinta e cinco festivais e sempre me preguntaban que pasa en Galicia que se facían tan bos filmes. Nos medios non nos visibilizan o suficiente. Todo o mundo é consciente de que aquí se fan pelis extraordinarias con grandes directores como Eloy Enciso, Oliver Laxe, Lois Patiño... Somos galegos, facemos cine en Galicia, sen embargo, dáselle máis importancia internacionalmente que a nivel español. Lúa vermella, de Patiño, estivo nos festivais máis importantes do mundo. O percorrido de Oliver xa vimos, ata estar preto do nomeamento a un premio Oscar. Pero ás veces valóranse máis pelis zafias doutras cinematografías. Realmente, valorarémolo co paso do tempo.

Hai un problema relativo a conseguir financiamento?

Leva moitos anos. Coa pandemia a situación xa é complexo e tamén o é para o noso sector. Facemos cine que vai máis alá das nosas fronteiras. Eu, cunha peli galega, rodada en Galicia e en galego, conseguín cartos de Bélxica ou Portugal... antes era imposible que mercasen filme certos mercados. Un 30 por cento de financiamento da miña película vén de fóra e iso axuda. Pero aínda así é moi complicado. As institucións non se sabe se van para adiante ou para atrás. Pese a todo, dentro do malo hai que seguir remando.

Que vai gustar máis de ‘Ons’?

Penso que é unha peli que vai sorprender moitísimo. Ten unha parte moi autoral que é o cine que me interesa. Hai misterio e poderío que vai facer que guste moito a moito público e á xente non afeita a este tipo de cine. Espero que o desfruten porque para iso facemos cine. Teño ilusión de que chegue ás salas comerciais, igual cun pouco de sorte para Nadal. Dependerá da situación. A distribuidora quere que salgamos das pelis grandes americanas, pero se só poden entrar 30 persoas no cine non imos saír.

22 nov 2020 / 00:21
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.