Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Dez escritores falarán das súas influencias na Biblioteca de Galicia

Entre outros autores participarán Arantza Portabales, Manuel Rivas ou Ledicia Costas

Santiago. A Biblioteca de Galicia acollerá ata outubro un novo ciclo de relatorios no que dez dos escritores galegos máis representativos do

momento compartirán co público as súas experiencias e influencias literarias sobre un libro da literatura galega que marcase a súa traxectoria. Trátase de 10 anos, 10 autores, 10 libros, que comezará este venres e que se enmarca nos actos do décimo aniversario da Biblioteca que está a organizar a Xunta durante este ano. O obxectivo da iniciativa non se centrará na obra dos autores, senón doutras obras singulares da literatura galega que marcasen o seu traballo como lectores e tamén como creadores. Celebraranse no auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura. A primeira xornada será este venres ás 19.00 horas e correrá a cargo da escritora Arantza Portabales, autora de Beleza vermella, que falará, entre outros temas, da pegada que tivo na súa traxectoria persoal e literaria a obra de Manuel Rivas Que me queres amor?. Os seguintes participantes serán a escritora Ledicia Costas (venres 23 de abril), Domingo Villar (4 de xuño), María Solar (18 de xuño) e María Canosa (2 de xullo). A iniciativa continuará nos meses de setembro e outubro.

Todos os relatorios celébranse ás 19.00 horas, contan con entrada de balde previa inscrición na web da Cidade da Cultura e teñen aforo limitado a 27 persoas. Tamén serán transmitidas en directo na canle de Youtube da Cidade da Cultura.

Dez anos, 10 autores, 10 libros enmárcase no programa de actos cos que este ano a Xunta está a conmemorar o décimo aniversario da Biblioteca, que inclúe exposicións temáticas sobre figuras como as escritoras Emilia Pardo Bazán, a partir de novembro, ou a homenaxeada nas Letras Galegas Xela Arias. Entre outras actividades, o Goberno tamén impulsará unha exposición retrospectiva que permita afondar nos 10 anos de historia da Biblioteca, visitable a partir do mes de outubro. Trátase dunha mostra para coñecer o labor e o patrimonio bibliográfico que atesoura que inclúe o depósito legal de todas as publicacións editadas en Galicia. s. cuiña

08 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito