Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Duras críticas pola baixa execución dos orzamentos do 2020

Goretti Sanmartín fala de “nula capacidade de xestión” do goberno
de Sánchez Bugallo

A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, avanzou que a Conta xeral de 2020, que irá a Pleno hoxe, revela “a nula capacidade de xestión e o baixísimo nivel de execución dos Orzamentos porque, un ano máis, as contas de Bugallo son contos”. Referiuse así á “política de propaganda” do alcalde, “porque de nada vale que poñan e escriban cifras e falen de proxectos cando estes se repiten unha e outra vez, aparecen ano tras ano e non se executan”, advertiu.

Cos datos concretos, explicou que o Concello de Santiago ten un remanente de tesouraría de 8,5 millóns de euros, e continúan a incrementarse os excesos de financiación afectada, nunha cantidade que é, sen ningunha dúbida, excesiva. “Se en 2018 falabamos de 9.864.610 euros, e no 2019 de 13.008.939, en 2020 están nos 17.416.949, case o duplo que hai dous anos”, indicou. Iso significa que hai un incremento de proxectos que non se executan e van para remanentes, e volverán aparecer nos orzamentos de 2022, despois de estar nos de 2018, 2019, 2020 e 2021.

Goretti Sanmartín apuntou outro dato importante, o estado de execución do investimento está no 21 %. “Baixamos dun 22,4 en 2019 a un 21,8 en 2020; isto é, de cada 100 euros que teñen para investimentos, 80 fican sen gastar”, sinalou. “E con estas porcentaxes a ver como explican que non teñen cartos, que non poden incrementar as subvencións e que non poden pagar en tempo e forma, que os sectores que o están pasando mal non teñen prazo para xustificar as subvencións pola súa incapacidade para resolver a tempo as convocatorias”, engadiu.

En canto ao nivel de gasto en investimento por cidadán vai en diminución, pasouse de 99,22 euros por habitante en 2018 a 68,26 en 2019, e baixouse a 62,03 en 2020, en plena crise económica derivada da pandemia.

Ademais, outra das eivas detectadas nesta Conta xeral de 2020 é que o período medio de pago a provedores incumpriuse de xeito case permanente. A media foi de 38,5 días, e chegou aos 50, moito máis dos 30 días que establece a lexislación. Conseguiron baixalo nos meses de novembro e decembro mais nos meses de marzo, novembro e decembro, coas consecuencias inevitábeis para pequenas e medianas empresas. Deste xeito, afirmou que isto verifica que coa chegada do PSOE ao goberno non hai “nada novo baixo o ceo”, posto que o interventor municipal recoñece no seu informe “o baixo nivel de execución nos gastos de capital”.

08 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito