Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
‘As 8 de Conxo’ tiveron que facerse cargo, ante a parálise administrativa, de 76 cans que vivían nun estado de abandono total cunha muller afectada polo síndrome de Noé // Investiron cinco mil euros en salvalos da morte e esixen axudas TEXTO Brais Fdez.

“É unha vergoña que suceda algo así e queremos solucións”

Nun estado de ánimo que vai dende a frustración ata a indignación total, o colectivo das 8 de Conxo aínda segue sen explicarse como puido chegarse a unha situación tan extrema, sen que ninguén intentase pórlle solución. Trátase do coñecido caso do síndrome de Noé, un suceso que conmoveu a todo o país e no que tiveron que rescatar a 76 cadelos dun fogar.

Cabe recordar que foron particulares, a través da súa mobilización, os que conseguiron rescatar aos animais, baixo unhas condicións que rozaban o esperpento, xa que vivían rodeados de restos de excrementos, vómitos e podremia. Para chegar a ese punto, débese entender o percorrido desta historia, xa que hai que ter en conta que é un proceso no que a familia levaba quince anos pedindo amparo, pero as súplicas, apuntan dende o ente, sempre caeron en saco roto.

“Isto é un tema que vén de lonxe. Pasaron corporacións diferentes, pero nunca se fixo nada. A señora pedía auxilio por todos lados, porque superaba o seu control, pero ninguén lle fixo caso”, recorda Tere Lema, unha das persoas que actuou o pasado mes.

Nese período, a única “iniciativa” administrativa fora a mediación municipal, no 2020, a través da concellería de Medio Ambiente, a cal resultou todo un fracaso. “Retiráranse vinte cadelos, pero deixaron outros tantos, nas mesmas condicións, e así acabamos un ano despois. Se naquel intre castrasen aos demais e levasen un seguimento, está claro que non se chegaría aos límites aos que se chegou”, manifesta enfurecida.

Con todo, e malia ao que se puidese pensar, As 8 de Conxo advirten que, a pesar de que este tema deu a volta a España, pasan os días e a problemática segue igual, sen cadelos, si, pero sen solucións.

Por iso, ante a rabia que lles produce ter que seguir a facer un traballo cuxa competencia pertence ao municipio, van mobilizarse pedindo respostas, tanto pola inacción como polo desprezo sufrido, así como para reclamar axudas ao servizo prestado. “É unha vergoña que suceda algo así na cidade e queremos solucións. Non imos quedar quedos porque hai animais e persoas que precisan axuda e que non a reciben”, destaca.

Fontes do Concello compostelán destacaron no seu día que se fixo “todo o posible para actuar neste caso”, e se notificou tamén á Xunta para que actuase.

CRÓNICA DUN DESASTRE. Como indican nas súas réplicas, o ente chamado As 8 de Conxo foron as únicas heroínas que lograron salvar ás decenas de cans atrapados na vivenda, unhas particulares que non se conformaron coa inacción administrativa.

Todo comezou coa chamada dunha veciña, que alertou a este grupo de animalistas do que estaba a ocorrer. Así, a mediados do pasado mes de agosto, a través da mediación do colectivo, persoal veterinario puido acceder ao interior do inmoble co debido permiso da propietaria. Tras esta primeira acción, puxéronse en contacto con protectoras, para que se fixeran cargo dos animais, quedando abraiados coa gran resposta destas.

Porén, este servizo tamén require uns gastos, os cales tiveron que sufragar do seu peto. “Tivemos que inverter 5.000 euros en gastos veterinarios e aínda non está todo cuberto. A eles hai que sumarlle tamén os de envío, porque hai algúns que están en Pontevedra, outros en Asturias... e todo suma”, comentan.

Por este motivo, se ben apuntan que dende o Concello contactaron para pagar parte das facturas de castración e lacería, este presuposto non cubre todas as necesidades. “Pedimos recursos para cubrir os gastos que fixemos, pero tamén para axudar ás protectoras na medida na que podamos, porque os gastos son enormes: etólogos, comida, vacinas, desparasitación, castración... é unha pasta que lle estamos a aforrar ao Concello”, recorda unha das afectadas.

Con todo, polo tormento pasado, os cadelos seguen sen ser adoptables, xa que non están preparados para a vida diaria. “Son cans que teñen moito medo e só dous saíron adoptados. Estase a traballar con eles, porque non saben andar coa correa, non saben andar pola rúa e teñen medo a todo”, confesa.

De feito, o grupo mesmo se tivo que facer cargo dalgúns, xa que foron devoltos pola protectora. “Están nunha casa de acollida na que traballamos con eles na medida das nosas posibilidades, pero non é o mellor. Con todo, todas están con overbooking, porque como os primeiros non saen, non teñen sitio para estes”, adianta Tere Lema.

Por outra banda, a nivel social, temen que esta situación se volva a repetir de aquí a un tempo, xa non só con esta persoa, senón con outras que poidan padecer o mesmo síndrome. “Xa traballamos bastante quitando 76 cans, como para agora ter que facer o traballo que teñen que facer eles. Reclamamos que non se está a traballar coa familia, deberían ter un control, pero por alí só vamos nós”, destaca indignada.

Isto débese a que a señora quedou con catro cans, todos eles en regra, castrados e vacinados, porque era o mellor a nivel psicolóxico. Estes, din, viven dentro da casa, “o que queríamos, pero hai que levarlles un control e en vez do Concello, temos que ir nós”.

Por ese contacto diario, teñen constancia de que a señora “non está feliz”, aínda que si tranquila, “porque sabe que os cans están en protectoras”. Ademais, tamén saben que dende os servizos municipais lle queren prestar axuda a limpar, “pero iso non é o que precisa”, reclaman. “O que necesita é que alguén traballe con ela e os catro cadelos. Dende que marcharon os cans, arranxaron moitas partes da casa, porque antes era inviable. Aos poucos, coas súas posibilidades deixaron a casa decente, polo que o que nos preocupa son eles e que poida volver a pasar”, explica.

Por todo isto, manifestaranse este sábado, ás 12.00 horas diante do Pazo de Raxoi, onde reclamarán que se tomen medidas. “Non nos quedaremos de brazos cruzados”.

27 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.