El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

Alumnos de galego do Instituto Cañada Blanch de Londres completan a súa 'Viaxe da lingua'

Os alumnos británicos, co secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García e o subdirector xeral da Emigración, Antonio Casas, no Obradoiro - FOTO: XUNTA
Os alumnos británicos, co secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García e o subdirector xeral da Emigración, Antonio Casas, no Obradoiro - FOTO: XUNTA

SANTIAGO. EP  | 11.05.2019 
A- A+

O alumnado de galego do Instituto de Longres Cañada Blanch chegaron este sábado a Santiago de Compostela no marco da súa 'Viaxe da lingua', unha actividade que ten por obxectivo perfeccionar o uso do idioma propio de Galicia.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García e o subdirector xeral da Emigración, Antonio Casas, recibiron na praza do Obradoiro ao grupo de tres profesores e 28 estudantes, un terzo dos 75 que cursan galego neste centro educativo, froito do convenio asinado no ano 1991 entre Xunta e Ministerio de Educación.

Valentín García interesouse polas experiencias vividas e polas aprendizaxes realizadas estes días polos alumnos do IE Cañada Blanch, aos que animou a seguir perfeccionando o idioma.

"Estudades o galego porque comprendedes que non hai linguas pequenas e que, no mercado laboral ao que, máis pronto que tarde, ides saír, dominar un código que pouca xente en Londres ten oportunidade de estudar", é algo que "pode restar unha vantaxe significativa", destacou Valentín García.

Na 'Viaxe da lingua', os estudantes visitaron a Praia das Catedrais e a cidade de Lugo coa súa muralla romana. Despois desprazáronse a Padrón para coñecer a casa de Rosalía de Castro e continuaron cara á Coruña, onde visitaron a Domus.

En Santiago asistiron a un partido de baloncesto do Obradoiro e gozaron da gastronomía galega. Ademais, participaron nunha xornada de intercambio lingüístico e cultural co alumnado do IES Laxeiro de Lalín, aínda que tamén tiveron tempo para visitar o castro Tecnolóxico da localidade, o Museo Etnográfico Casa do Patrón e as Termas de Ourariz en Ourense.

En Santiago tamén realizaron unha visita á Catedral e ao Pórtico da Gloria.