El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

in memorian

Antonia Ferrín Moreiras (1914-2009)

MATILDE RÍOS FACHAL   | 13.08.2009 
A- A+

O pasado 6 agosto faleceu en Santiago a profesora Antonia Ferrín, a quen tiven a honra de coñecer con motivo da publicación do libro As Mulleres nas Matemáticas. O contacto xurdiume da man do profesor Enrique Vidal Costa, e dende o primeiro momento Antoñita puxo á miña disposición moita documentación que xa forma parte da historia, ademais de contarnos con gran lucidez e enerxía a súa traxectoria vital, polo que sempre estarei agradecida.

A afección científica de Antonia fixo que en 1941 xa tivese rematadas as licenciaturas de Ciencias Químicas e de Farmacia, ademais de Maxisterio e os d­ous únicos cursos de Ciencias Exactas (agora Matemáticas) que tiña a Universidade de Santiago. Remataría, anos máis tarde esta carreira e os cursos de doutoramento na Universidade Complutense en Madrid por Ensinanza Libre, o que era por si só unha proeza, volvendo así á súa primixenia vocación.

Foi a alumna predilecta de D. Ramón, a súa colaboradora máis fiel e constante durante os case 20 anos que este estivo na Universidade de Santiago, acudindo cada tarde ó Observatorio Astronómico a facer as observacións e os cálculos que el lle propoñía. Os resultados deste esforzo foron a súa tese, lida en 1963: "Observaciones de pasos por dos verticales", que é a primeira tese de Matemáticas (e Astronomía) defendida na Universidade de Santiago de Compostela.

A súa traxectoria profesional foi moi ampla. Comezou como axudante interino gratuíto na sección de Ciencias da Universidade de Santiago no ano 1934, ata que en 1936, a causa da Guerra Civil, pechan a Universidade cesando toda actividade académica, e retoma o posto no 1940 cando volve abrir. En 1953 gaña por oposición unha cátedra na Escola Normal de Maxisterio en Santander que ocupa dous anos, volvendo a Santiago por traslado á Escola Normal Feminina. Despois vaise a Madrid, onde traballará ata a súa xubilación en 1984 na Escola de Maxisterio Santa María, compatibilizando esta cátedra c­unha axudantía, primeiro en Medicina dous anos, na cátedra de Estatística que ocupaba o profesor Sixto Ríos e despois como profesora adxunta da cátedra de Astronomía da Facultade de Matemáticas, que ocupaba o profesor Torroja, que formara parte do seu tribunal de tese.

A Antonia deseguido lle captaban a capacidade que tiña para organizar e a valentía para afrontar retos, por iso ó longo da súa carreira profesional deu clase de case tódalas materias que se explicaban alí onde ía, e con frecuencia lle correspondían os cursos máis complicados.

Antonia foi nomeada madriña do 50º aniversario da Licenciatura de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela,no acto que se celebrou o 24 de maio de 2008, ao que acudiu como ela dixo "en plena xuventude, con 94 anos cumpridos, para non correr o risco de emocionarse". O 14 de novembro dese mesmo ano, con motivo da Festividade de San Alberte Magno e da Clausura de dita Celebración, dedicáronlle unha das seis aulas ás que se lles puxo nome na Facultade de Matemáticas.

Sen dúbida, foi un exemplo de traballadora incansable, que tivo que demostrar un gran tesón nunha época na que as mulleres traballadoras eran poucas, e menos nos ámbitos universitario e científico. Descanse en paz.