El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

O BNG denuncia a "a falta de capacidade de xestión" do Goberno local trala polémica dos comedores escolares

Os nacionalistas din que “o proceso precisa unha revisión dos pregos cos que se licitou”

BNG SANTIAGO  | 14.01.2016 
A- A+

O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, manifestou en rolda de prensa que a polémica dos comedores escolares de Santiago de Compostela “é unha boa metáfora destes meses de novo Goberno”, “con boas palabras e acenos pero con falta de capacidade da xestión diaria e ordinaria deste Concello para resolver os problemas reais, importantes e urxentes de veciños e veciñas”.

O curso escolar comezou o 10 de setembro, polo tanto, hai 5 meses que comezaron a funcionar os comedores escolares “e a 14 de xaneiro están aínda sen adxudicar”. A pesar de que se garante o servizo, para Rubén Cela o problema estriba “en que condicións, porque a empresa que o presta non ten contrato co Concello e se atopa nunha situación de precariedade en termos xurídicos e legais”, ademais de vir de renunciar a este concurso coa alegación de que non se podía facer cargo por motivos de carga de traballo.

No caso dos comedores escolares existe un problema de fondo que non resolve o Goberno municipal porque, como advertiu o BNG con anterioridade, “o proceso precisa unha revisión dos pregos cos que se licitou”.

“A esta altura, o único posíbel é agardar a que a seguinte empresa –a vasca Ausolan- cumpra cos requirimentos e xestione ben os comedores escolares”, afirmou o portavoz nacionalista en Raxoi. Agora ben, se este negociado sen publicidade novamente volve quedar deserto só hai unha opción que é tramitar de urxencia a xestión dos comedores escolares, volver licitar o concurso público coa revisión dos pregos de contratación que se fixeron mal e, en paralelo, estudar a fondo a posibilidade de que sexa a Xunta de Galiza quen xestione este servizo como fai noutras partes do país ou, no seu defecto, que o Concello asuma a xestión directa con outras institucións, por exemplo, a escola profesional de hostalería de Lamas de Abade.

Afirmou Rubén Cela que “a situación é insostíbel e os problemas non os vai pagar o Goberno municipal de Santiago senón os nenos, as nenas, os pais, as nais e o persoal que traballa neste servizo de comedores escolares”.