El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

"A CdC será un éxito dunha magnitude descoñecida"

O conselleiro de Cultura quere que a xente se "namore" do Gaiás // Varela non dubida do seu efecto dinamizador sobre a economía

Especial: 2011, abre as portas do Gaiás

ANTONIO RÍOS SANTIAGO   | 31.12.2010 
A- A+

Non dubida de que fixeron os deberes, coidando de xuntar cultura e vangarda. Para o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, a Cidade da Cultura será unha excelente tarxeta de presentación de Galicia no exterior. Considera que a súa apertura, o 11-1-2011, servirá para prorrogar o efecto Xacobeo como dinamizador da nosa economía. Cre que o feito de que o Gaiás sexa considerado un dos principais proxectos culturais en marcha no mundo abrirá moitas portas e calará antigas reticencias.

-¿En qué momento da súa construción se atopa o complexo da Cidade da Cultura?

-Somos conscientes de que estamos a vivir un momento histórico para a Cidade da Cultura e para Galicia, que temos a obriga e a responsabilidade de aproveitar con eficacia. A inauguración oficial dos dous primeiros edificios no Gaiás marcará un punto de inflexión no noso obxectivo prioritario de abrir o complexo á cidadanía e ir despregando todos os servizos do Arquivo e da Biblioteca que lle son propios, ata alcanzar o seu pleno funcionamento.

Neste sentido, podo asegurar que en 2010 fixemos os deberes e demos os pasos necesarios para responder a este reto con todas as garantías. Deste xeito, o esforzo e o coidado no proceso construtivo permitirá agora a entrada en funcionamento da Biblioteca e do Arquivo de Galicia á vez que o impulso á urbanización do complexo posibilitará que todos os cidadáns podan acceder ao Gaiás nas mellores condicións. Desde a Xunta, consideramos imprescindible a implicación de todos os galegos neste proxecto colectivo que, estou seguro, será un éxito de magnitude aínda descoñecida. Estamos a falar dun complexo chamado a converterse nunha referencia da vangarda cultural, arquitectónica e tecnolóxica a nivel internacional e actuaremos para aproveitar ao máximo a súa potencialidade turística. Queremos que a xente se namore da Cidade da Cultura de Galicia e para iso neste Xacobeo 2010 que remata traballamos en consecuencia.

-¿Deron resultado as visitas guiadas?

-Máis de doce mil persoas tiveron ocasión de apreciar a excelencia arquitectónica e a calidade construtiva do proxecto de Peter Eisenman a través do Programa de Visitas Guiadas ás Obras da Cidade da Cultura 2010. A experiencia deu resultados máis que positivos. Oito de cada dez persoas que se achegaron a coñecer a Cidade da Cultura de Galicia remataron a súa visita cunha valoración "boa" ou "moi boa" do proxecto. Ademais, e isto é importante, a enquisa realizada aos visitantes demostra que os cidadáns melloran a opinión que tiñan da CdC despois de coñecela.

-¿Na inauguración haberá algunha celebración especial? ¿Está confirmado que personalidades asistirán, xunto cos Príncipes de Asturias?

-As Súas Altezas Reais os Príncipes de Asturias presidirán o vindeiro martes, 11 de xaneiro de 2011, (11-1-11), o acto de inauguración dos edificios da Biblioteca e do Arquivo da Cidade da Cultura, en resposta á invitación formulada polo presidente Núñez Feijóo. Este feito sinala a transcendencia do momento e a súa auténtica dimensión. Desde o Goberno galego, teremos o enorme privilexio de presentar oficialmente, nun acto austero e solemne, o resultado do traballo realizado e a potencialidade do proxecto como un elemento dinamizador de Galicia no eido social, cultural e económico. Estamos a iniciar un novo tempo no que a CdC comezará a rendibilizarse de forma efectiva. Coa inauguración oficial da Biblioteca e o Arquivo, os galegos poderán sentirse orgullosos de contar con espazos de excelencia dedicados ao seu patrimonio bibliográfico e documental e, polo tanto, ao coñecemento e a memoria colectiva. É o momento de que esta magnífica infraestrutura cultural comece a percorrer o camiño que a levará a converterse nunha cidade para o coñecemento e a creatividade, que lle permita a Galicia afrontar os desafíos do futuro. Do mesmo xeito, o Goberno galego segue adiante no seu esforzo por xuntar cultura e vangarda, reforzando a presenza das novas tecnoloxías na CdC co traslado do Centro do Proceso de Datos Integral, que permitirá ademais optimizar o gasto no sector.

-¿Pode ser o Gaiás, con esas inauguracións, a gran noticia cultural do 2011, xunto coa celebración do aniversario da Catedral?

-Sen dúbida. En 2011 debemos estender o efecto chamada do Xacobeo 2010 e procuraremos prorrogar o seu efecto dinamizador sobre a nosa actividade económica. Para conseguir este obxectivo contamos con dous argumentos sólidos. Temos que conseguir que grazas ao VIII Centenario da Consagración da Catedral e á inauguración dos primeiros edificios da CdC, tanto Compostela como Galicia sexan de novo o centro de todas miradas. Nesta liña de actuación estamos a traballar. Debo apuntar que en 2011 inauguraremos oficialmente en xaneiro a Biblioteca e o Arquivo de Galicia pero a nosa previsión é poñer en marcha tamén este ano o Museo e o edificio de Servizos Centrais. O fito arquitectónico que supón a obra de Eisenman contará cunha proxección descoñecida ata o momento. Trátase da súa obra cúspide, considerada así por el mesmo e por grandes nomes da arquitectura contemporánea e da crítica especializada. Será en 2011 un destino imprescindible desde o punto de vista cultural e turístico.

-¿Existen actividades previstas para despois da inauguración?

-Neste 2010 despregamos na Cidade da Cultura un completo programa de actividades que están a servir como aperitivo do que nos espera nun futuro con este gran proxecto, un proxecto pensado e ideado para toda Galicia. A Biblioteca de Galicia está a acoller a exposición de Cándida Höfer Espazos propios, unha mirada dunha fotógrafa contemporánea sobre lugares dedicados ao coñecemento. No Arquivo pode verse Exlibris Gallaeciae. Dos libros de Galicia, un percorrido por todos os libros ou documentos que marcaron un fito na historia da cultura Galega, dende o primeiro documento escrito en galego ata o primeiro libro electrónico. Ademais, mantense Peter Eisenman. A Cidade, unha mostra pensada para axudar aos visitantes a comprender mellor a CdC. Tamén, o Gaiás comezou xa a funcionar como espazo de formación, coa organización dun seminario internacional sobre o papel dos Arquivos na época de Administración electrónica ou un encontro para analizar o futuro das bibliotecas. Nun horizonte próximo, están previstas actividades no eido das letras en combinación con artes escénicas e outras disciplinas, así como intervencións artísticas no exterior que permitan un uso artístico dos espazos ao aire libre, todas elas iranse dando a coñecer nos próximos meses.

-Sobre o remate do complexo, ¿cales son os prazos?

-Avanzamos neste proxecto con ilusión pero cos pés na terra, con pragmatismo e conscientes da situación de crise que estamos a vivir. Como dixen anteriormente, tras a apertura do Arquivo e da Biblioteca será o momento de poñer en marcha o Museo de Galicia e o Edificio de Servizos Centrais. Os dous edificios restantes, o Centro da Música e das Artes Escénicas e o Centro de Arte Internacional, contan cun calendario máis amplo vinculado ás posibilidades orzamentarias. A Xunta ten clara a súa folla de ruta e como planificar os seus investimentos con responsabilidade. De feito, facer do Edificio de Servizos Centrais a sede Centro de Proceso de Datos Integral da Xunta permitirá un aforro de tres millóns ao ano, ao suprimir o aluguer dos espazos que a Xunta precisaba para isto. Con esto, o Gaiás converterase debidamente no centro dixital de Galicia, ampliando a súa utilidade e rendibilidade social xa que dotará a comunidade dunha plataforma tecnolóxica única e completa que permitirá garantir os obxectivos da Axenda Dixital 2014. Con esta decisión conséguese adaptar Galicia ás posibilidades que ofrece a tecnoloxía do XXI, garantir os servizos públicos dixitais e facer da Administración unha porta aberta 24 horas e 365 días ao ano. Estamos cumprindo os compromisos adquiridos: buscar unha nova imaxe para a CdC vinculada á tecnoloxía, á innovación e á modernidade.

-¿Incrementarase este ano, con esa inauguración, a promoción nacional e internacional que realizará o seu departamento?

-Desde a Xunta temos claras as nosas liñas de actuación en materia de promoción exterior e, por suposto, a CdC actuará como tarxeta de presentación da nosa comunidade. Por concepto, o Gaiás ten que traspasar as nosas fronteiras. As dimensións do proxecto, a nivel arquitectónico e cultural, fan que xa transcenda dos nosos límites xeográficos. A súa calidade e orixinalidade colócana xa no centro de atención dos profesionais da arquitectura de todo o mundo que a consideran como un dos principais proxectos culturais en marcha. Isto é só o inicio dunha etapa esperanzadora. Nós estamos convencidos de que, en adiante, será ademais a mellor plataforma de internacionalización da nosa cultura en dúas direccións: dunha banda, será o lugar de encontro onde os nosos creadores e intelectuais poidan proxectar as súas creacións ante o mundo e servirá como ferramenta para recoller as últimas tendencias do exterior. A CdC nace con vocación de establecer firmes alianzas principalmente con outros grandes centros de actividade cultural de Europa e, especialmente, de América pola especial relación de Galicia coa outra beira do Atlántico. O Gaiás, como incona arquitectónica e pola actividade que vai desenvolver, será unha referencia no mapa internacional de infraestruturas culturais. Iso traducirase nun impulso arrollador en canto ás nosas posibilidades de acceso á información e de formación de investigadores. En definitiva, a nosa capacidade de internacionalizala será clave para comezar a falar da rendibilidade do investimento.

-¿Considera superadas, a estas alturas, as reticencias que pudo haber no seu momento en parte da sociedade ou da clase política?

-Penso que coa CdC sucedeu o lóxico nunha sociedade plural e sensible como a galega. Ante a magnitude do proxecto expresáronse diferentes opinións a través dos axentes culturais, sociais, económicos, partidos políticos e institucións e agora toca sumar todas esas reflexións para dar entre todos un paso adiante, decidido e na boa dirección. Debemos mirar cara ó futuro xa que o Gaiás é xa unha realidade en marcha. Falamos dunha das infraestruturas culturais máis potentes que se están a construír no mundo e estou convencido de que conseguiremos avanzar polo camiño do éxito.

local@elcorreogallego.es