El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

O Colexio de Avogados tramita cada mes uns 450 expedientes de xustiza gratuíta

Un total de 375 profesionais forman parte da quenda de oficio e dan servizo a máis de 270.000 habitantes // Os letrados adscritos de toda España celebran hoxe o seu día

Dependencias do Colexio de Avogados santiagués.  - FOTO: ECG
Dependencias do Colexio de Avogados santiagués. - FOTO: ECG

REDACCIÓN  | 12.07.2019 
A- A+

O Colexio de Avogados de Santiago tramitou no primeiro semestre de 2019 un total de 2.683 expedientes de xustiza gratuíta, case 450 ao mes, unha cifra que no ano 2018 ascendeu a 4.295 e en 2017 a 3.675. Desta cifra entre xaneiro e xuño, 1.923 foron designacións de quenda de oficio e 760 para asistencias a persoas detidas.


Os avogados adscritos ao colexio e os do conxunto de España celebran hoxe, 12 de xullo, o Día da Xustiza Gratuíta, unha xornada de conmemoración que serve ademais para reivindicar a importancia do servizo, que garante a igualdade no acceso para tódolos cidadáns.


Actualmente, 375 profesionais forman parte do servizo no colexio compostelán, dos que un 56 % son mulleres e un 44 % homes. Os avogados e avogadas da quenda de oficio reciben de forma continua formación especializada en diferentes temáticas.


Ademais, está operativo as 24 horas e os 365 días do ano para atender a unha poboación de máis de 270.000 persoas, xa que desde a institución colexial xestiónase os partidos xudiciais de Santiago (Ames, Boqueixón, Santiago de Compostela, Teo e Vedra), Arzúa (Arzúa, Boimorto, Santiso, Toques, Touro, O Pino e Melide), Negreira (Negreira, A Baña, Brión e Santa Comba), Ordes (Ordes, Frades, Mesía, Oroso, Tordoia, Trazo e Val do Dubra) e Padrón (Padrón, Dodro, Rois e Rianxo).

De toda Galicia. No ámbito da xurisdición contencioso-administrativo, o Colexio de Avogados de Santiago tamén tramita os expedientes de xustiza gratuíta de toda Galicia para as reclamacións contra determinados organismos da Xunta de Galicia con sede en Santiago, como por exemplo, as reclamacións patrimoniais contra o Sergas.


No ámbito laboral, dentro da xurisdición do Xulgado do Social de Santiago, do mesmo xeito, tramítanse os expedientes de xustiza gratuíta dos partidos xudiciais de Ribeira, Noia e Muros.


Por tipo de asunto, das 1.923 designacións, 1.050 foron de ámbito Penal, 662 Civil, 37 Contencioso-Administrativo, 115 Laboral e 59 de Violencia de Xénero. “As estatísticas reflicten o que aumenta cada ano a demanda deste servizo, xestionado de forma íntegra polo Colexio de Avogados de Santiago”, asegura o decano, Francisco Rabuñal. “Quero destacar o gran traballo que fan os avogados da quenda de oficio e os colexios, xa que a xestión da xustiza gratuíta supón un esforzo moi importante en medios técnicos e humanos”, engade.

Xestión complexa. O Colexio de Avogados de Santiago conta con catro traballadores que se dedican ás tramitacións deste tipo de expedientes e cunha persoa que coordina o servizo (Manuel Arza, secretario técnico do colexio).


A solicitude iníciase coa presentación do formulario correspondente na secretaría da institución e, se o solicitante o autoriza, o Colexio terá acceso á información da Axencia Tributaria, Catastro da Propiedade Inmobiliaria e da Tesourería da Seguridade Social.


Cada caso pasa posteriormente ao Servizo de Orientación Xurídica do colexio, que é o encargado de asignar un avogado de forma provisional, mentres o expediente é analizado pola Comisión de Xustiza Gratuíta da Dirección Xeral de Xustiza da Xunta.

Violencia de xénero. Polo que respecta aos servizos de asistencia ao detido e ao destinado ás vítimas de violencia de xénero, están atendidos os 365 días por avogados e avogadas de garda con especialización nestas materias. O Colexio aconsella que antes de presentar denuncia soliciten na sede colexial ou en dependencias policiais a designación dun avogado de oficio.


“A quenda de oficio é un servizo do colexio á cidadanía e é fundamental que a xestión da xustiza gratuíta siga en mans dos colexios de avogados, porque é a única forma de que sexa xusta, pública e siga estando ao alcance de todos os cidadáns no futuro”, remata o decano.