El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

Luns do Ateneo

Compostela foi a capital da industria do coiro ao longo do século XIX, afirmou o profesor Xan Carmona

Xoán Carmona na súa exposición no Ateneo de Santiago - FOTO: AS
Xoán Carmona na súa exposición no Ateneo de Santiago - FOTO: AS

03.12.2013 
A- A+

Compostela foi a capital española da curtidoría ao longo do século XIX, con 27 fábricas que producían caseque o 30 por cento da producción total, afirmou nos Luns do Ateneo o catedrático de Historia Económica da USC Xan Carmona Badía.  O profesor de Económicas desgranou as claves do éxito deste sector fabril que dan conta dunha Compostela plenamente industrial, na que estaban implicadas as principais familias da burguesía local (Arguindey, García de la Riva, Olimpio Pérez) do que apenas queda o recordo, como non sexan topónimos, como a rúa dos Pelamios e os 37 lugares das tafonas nas que se moía a corteza de carballo indispensable para efectuar o proceso.

Carmona asegurou que a puxanza da curtidoría  en Compostela, ademais da abundancia de gando, debeuse a tres elementos: a abunbancia das carballeiras, cuxa cortiza era abondosa en taninos; a abundancia de auga non calcárea e a proximidade de Santiago ao mar, por onde saían os coiros para nutrir a forte demanda. O conferenciante situou sobre un mapa da cidade cada unha das 27 fábricas, cunha tipoloxía arquitectónica moi particular, e que se situaban en torno aos cauces dos ríos Sar e Sarela. Polas súas dimensións destacou a fábrica de Guadalupe, propiedade da familia Arguindei, recordando como aínda hoxe, cada mes de setembro, sae da Rúa Nova a procesión da Virxen de Guadalupe, que facía o percorrido entre a casa da familia e a antiga fábrica que ocupaba os terreos onde hoxe se extende o barrio de Vite.

O auxe desta industria do coiro prodúcese entre os anos 1830 e 1890, cando comenza o declive provocado pola industria química que é capaz de proporcionar os productos que substituen os taninos vexetais. A partires desta data a industria do coiro xa non ten problemas para ubicarse nas proximidades dos centros demandantes, ubicados no levante, fundamentalmente as fabricas de calzado mecánico e a industria da lá, que polo seu proceso industrial necesitaba moito coiro. O papel de Compostela trasládase así á localidade catalá de Igualada.

Xan Carmona destacou a necesidade de reivindicar o papel industrial de Compostela, mesmo como atractivo turístico, tendo en conta que aínda subsisten algunhas das fábricas, que forman parte do patrimonio industrial e gardan boa parte da memoria histórica dunha cidade que foi algo máis que centro relixioso e cultural. A conferencia foi seguida por numeroso público que participou amplamente no coloquio.