Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O Concello construirá unha "skatepraza" no parque da Constitución

O prazo de execución dos traballos é de catro meses e serán investidos máis de 300.000 euros

A Xunta de Goberno adxudicou hoxe, á empresa Obras y Servicios Gómez Crespo SL, as obras de reforma do parque da Constitución nas que se van investir algo máis de 300.000 euros. O proxecto permitirá crear un espazo para a práctica do skate de case 1.500 metros cadrados, e porá en valor unha zona que na actualidade está deteriorada e infrautilizada.

A tenenta de alcalde, María Rozas, lembrou que a reforma do parque da Constitución foi "un compromiso asumido polo Goberno co obxectivo de solucionar os problemas de convivencia entre os e as amantes do skate que veñen utilizando a zona, e os usuarios e usuarias do parque infantil localizado neste ámbito. Ademais, o proxecto "da cumprimento a un acordo adoptado polo Pleno da Corporación para habilitar unha zona de skate en Compostela".

A actuación adxudicada hoxe suporá a creación dunha "skatepraza" que ocupará a liña oeste do parque, a carón do Parlamento, e o acondicionamento da praza do Mirador tamén para a práctica do skate. Ambas zonas suman unha superficie de case 1.500 metros cadrados. A "skatepraza" estará organizada en tres niveis, con ramplas e escaleiras deseñadas para a práctica do skate, e con obstáculos e mobiliario axeitados para seren utilizados polos patinadores e patinadoras. Na zona do miradoiro da praza da Constitución tamén se instalarán elementos que poderán ser empregados para patinar. En canto ao actual skatepark próximo ao parque, será substituído por un circuíto destreet workout e calistenia.

O proxecto completarase co acondicionamento da praza da Constitución, coa renovación da pérgola e a substitución do mobiliario urbano. Tamén se van instalar elementos que disuadan da práctica do skate neste punto, e traballarase na mellora da accesibilidade ao parque.

O prazo de execución dos traballos é de catro meses.

Hortas urbanas
Outro dos acordos aprobados hoxe pola Xunta de Goberno permitirá sacar adiante un proxecto "que tamén viña sendo longamente demandado pola veciñanza, como é o acondicionamento do Campo de Hortas para ser usado como hortas urbanas". Para executar este proxecto, unha vez asinado o acordo de cesión das parcelas cos seus propietarios e propietarias, optouse por modificar o contrato do servizo de mantemento dos espazos verdes para substituír unha das melloras contempladas na adxudicación pola realización dos traballos de acondicionamento das hortas. Así, CESPA encargarase da posta a punto das hortas, un total de 53, cunha superficie media de 60 metros cadrados.

Tamén hoxe, o Goberno adxudicou á empresa HITRAF o contrato de subministro dun tractor con dúas rozadoras. Trátase dunha das actuacións seleccionadas pola veciñanza no proceso de Orzamentos Participativos 2017 Compostela Decide, e a ela vanse destinar case 120.000 euros.

16 nov 2018 / 19:16
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito