El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

por unanimidade

A Corporación outorga a medalla de Ouro e o título de Fillo Adoptivo a García-Bodaño

Faise en recoñecemento á súa relevancia literaria e intelectual e pola súa implicación na vida cultural de Compostela e de Galicia

CDS SANTIAGO   | 26.12.2014 
A- A+

O Pleno ordinario celebrado hoxe pola Corporación Municipal acordou por unanimidade a concesión da Medalla de Ouro da cidade e do título de Fillo Adoptivo ao escritor Salvador García-Bodaño, en recoñecemento á súa relevancia literaria e intelectual e pola súa implicación na vida cultural de Compostela e de Galicia.

A concesión destas distincións concretada hoxe foi acordada na Xunta de Voceiros celebrada o pasado 12 de decembro.

Tal e como lembrou o alcalde, Agustín Hernández, na exposición e defensa desta proposta, "a vida e a obra de Salvador García Bodaño teñen a Compostela como eixe da súa existencia". Malia ter nacido na cidade de Vigo, en Santiago medrou e formouse para converterse nun referente da vida cultural e social da cidade.

García-Bodaño alentou moitas das iniciativas culturais nacidas na cidade nas últimas décadas, como creador, fundador, membro ou colaborador. Entre elas a Agrupación cultural "O Galo", o Museo do Pobo Galego, a Asociación de Escritores en Lingua Galega, o Ateneo de Santiago, a Fundación Castelao, o PEN Clube de escritores de Galicia... Ademais é membro numerario e directivo da Real Academia Galega.

"Polo seu amor á cidade o Concello de Santiago cumpre coa xustiza e coa razón, outorgándolle a Salvador García-Bodaño as súas máximas distincións de Fillo Adoptivo e de Medalla de Ouro, en atención aos seus moitos méritos e capacidades", afirmou o alcalde de Santiago.

Aparcamento disuasorio 

O pleno tamén aprobou de xeito definitivo a modificación dos plans parciais dos sectores SUP-2 (Cornes) e SUP-3 (Pontepedriña) co obxecto de regular o uso de aparcamento público en superficie nos terreos situados baixo o viaduto do ferrocarril nesa zona da cidade.

A modificación permitirá ampliar os usos previstos polo Plan Xeral neses solos, que seguirán sendo dotacionais pero incorporando o uso de aparcamento en superficie. Tamén se introducen os cambios necesarios no sistema viario para permitir uns accesos axeitados ao párking dende a rede viaria existente.

O pasado 17 de decembro, o alcalde de Santiago, Agustín Hernández, asinou coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, o convenio de colaboración para a construción do aparcadoiro de Pontepedriña. Este espazo vai permitir achegar aos cidadáns unha ampla superficie ben acondicionada e comunicada para deixar o automóbil e acceder en poucos minutos ao centro do Ensanche, de forma segura, cómoda e gratuíta. As obras licitaranse nos primeiros días de xaneiro por máis de 840.000 euros.

O aparcadoiro estará formado por dúas zonas diferenciadas, separadas polo rúa Escultor Camilo Otero, con 184 prazas para vehículos e 26 para motocicletas, baixo o viaducto do ferrocarril, nunha zona moi próxima á estación do tren e nas inmediacións do nó de Cornes.

A actuación compleméntase co acondicionamento da parada de bus situada na rúa de Amor Ruibal, que irá acompañada cun aumento do largo da beirarrúa na zona de parada, e a mellora da iluminación da contorna.