Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Denuncian a carencia de servizos públicos que sofren en Villestro

Compromiso do BNG para dotar de saneamento e buses á parroquia // Segue sen rematar a concentración parcelaria

A candidata do BNG á alcaldía, Goretti Sanmartín, mantivo unha reunión coa directiva da Unión de Villestro onde explicou os avances conseguidos ao abeiro dunha iniciativa presentada no Concello e no Parlamento sobre a concentración parcelaria de Villestro-Figueiras. Comentou tamén que no vindeiro pleno da Deputación se aprobarán as obras de mellora na estrada de Roxos a Reboredo.

Este encontro, no que tamén participaron Lois Calvelo, Pilar Lueiro e Xosé Quintáns, membros asimesmo da lista nacionalista, serviu para intercambiar propostas para o programa electoral, ademais de facerlle seguimento a proxectos pendentes nesta parroquia.

Goretti Sanmartín referiuse á concentración parcelaria do monte, a última pendente en Santiago, que acumula unha demora de 27 anos por parte da Xunta, e que lle afecta a 1.200 persoas propietarias con 14.000 terreos que están en zona de alto risco de incendio por falta de ordenación e que, após os acordos no pleno municipal e no Parlamento galego, axilizará os trámites para a entrega de títulos de propiedade.

Destacou tamén que na sesión plenaria do organismo provincial de marzo se aprobarán os traballos de ampliación e mellora do trazado da estrada DP-7802, que vai de Roxos a Reboredo, valorados en máis dun millón de euros e que van permitir incrementar o ancho da calzada a sete metros e un máis para beirarrúas, co obxectivo de gañar seguranza viaria. Esta primeira fase será entre o punto quilométrico 0 e o 2.630, o que servirá para iniciar a actuación para cumprir unha reivindicación histórica da veciñanza deste lugar.

O BNG interesouse "pola situación da falta de saneamento, que debe ser unha prioridade para o Goberno municipal que saia despois do 26-M", explicou, "para reparar esta carencia de servizos básicos en determinados núcleos de poboación de Compostela".

Neste sentido, a concelleira comprometeuse "a buscar nas administracións da Xunta e do Estado, ou mediante fondos europeos, o financiamento necesario para executar estas obras de saneamento e abastecemento tan necesarias, ademais de establecer prioridades nunha planificación plurianual para os puntos que aínda carecen deles".

Outro dos temas que se trataron na reunión foi para analizar as deficiencias que presenta o actual transporte público colectivo, sobre o que manifestaron que, "se queremos mellorar a mobilidade, temos que dotar de máis frecuencias de autobús as conexións con Villestro e adecuar os horarios ás necesidades da veciñanza", indicou. E comprometeuse a que "en todo o rural se garante que haxa, cando menos, dúas frecuencias de transporte pola mañá e outras dúas pola tarde", engadiu Sanmartín.

19 mar 2019 / 21:58
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito