Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Destacan a contribución dos académicos ao estudo da Ruta

A contribución do mundo académico ao estudo da Ruta Xacobea foi destacada polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, durante o acto de apertura do Encontro Internacional de Reitores no Camiño de Santiago. Trátase dunha actividade organizada pola Xunta e o Grupo Compostela Universidades que reunirá ata mañá a máis de 32 representantes institucionais dos órganos de goberno de 25 universidades de nove países europeos e americanos.

A celebración deste encontro responde ao interese común por difundir os valores do Camiño e promover sinerxias entre universidades nacionais e internacionais. Neste sentido, o titular de Cultura e Turismo destacou a relación entre a Ruta Xacobea e as institucións académicas como "transmisoras" dos valores que caracterizan a sociedade actual. "Europa naceu nas universidades e estendeuse peregrinando a Compostela", engadiu durante o transcurso do acto no que tamén participaron o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, e o presidente do Grupo Compostela de Universidades, Marek Kreglewski.

A programación contempla a celebración de diferentes actividades que teñen como obxectivo estreitar lazos entre a educación superior e o Camiño de Santiago e deseñar novas iniciativas que favorezan o desenvolvemento sustentable dos distintos itinerarios.

Así, a cita inclúe unha vertente académica con actividades como mesas redondas, grupos de traballo e relatorios de expertos entre os que destaca a xefa de Unidade de Educación Superior da Unión Europea, Vanessa Debiais-Sainton, ou o director xeral da Oficina do Alto Comisionado para a Axenda 2030, Federico Buyolo. O encontro complétase con visitas culturais e académicas.

galicia@elcorreogallego.es

www.elcorreogallego.es

09 oct 2019 / 21:31
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito