Lunes 21.10.2019 Actualizado 11:26
Google    

El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

OS OUTROS DÍAS

Ese espíritu que nos leva

ALFREDO CONDE   | 25.08.2019 
A- A+

Debín ir ó Xapón por primeira vez alá contra o ano 90 do pasado século, ou acaso contra o 91. Non o sei. Terei que repasar as axendas que, ano tras ano, veño conservando dende hai xa non sei cantos lustros. En todo caso, tampouco non hai por que ser tan precisos. Namorei do Xapón. A min vaime aquela marcha. Non toda, pero si moito dela. Volvín algunhas veces máis. Moito sinto que xa non vaia volver pisalo. O mundo deu varias voltas dende aquela. E as que che roldarei, morena.

 

Houbo algunhas cou-saS que me chocaron moito. O interior dos taxis, por exemplo. Circulaban interiormente revestidos de bordados, de puntilliñas daquelas que facía a miña avoa cunha agulla moito máis grande cas agullas de coser e moito das pequena cas de calcetar. Algo así coma se pillaran unha partida de encaixes de Camariñas a prezo de saldo, ou un alixo de contrabando deles, varado nunha praia que bañase a corrente do Kuro Shio, ou a do Oia Shio; tampouco non hai porque se poñer exquisitos. Dentro deles, co taxista que tamén calzaba luvas brancas, de encaixe nalgúns casos, poucos, pero nalgúns, sentíaste coma dentro da carroza do conde Drácula. Pero esta élles unha apreciación miña. Non me fagan moito caso.

 

OUTRA COUSA que me impresionara moito fora o feito de que, xa daquela, dispuñan de ordenadores nos coches que lles indicaban por ónde deberían guiar pra evitar atascos, qué distancia lles restaba pra chegar ó seu destino, a que velocidade ían e cousas así que moito me marabillaron. Menos mal que non sabía xaponés e me quedei sen saber se mesmo lles falaban chamándoos polo nome porque, de ter sido así, con toda probabilidade, houbera infartado.

 

O feito de ir dentro dun coche que me recordaba ós draculianos e fúnebres, sumado ó de que un espírito invisible e omnipresente, que estaba en todas partes; mesmo omnisciente, xa que todo o sabía e, por se con todo iso aínda non fose abondo, era quen de decidir por ónde deberían guiar a súas conducións os meus aurigas temporais; ou sexa, que tamén era omnipotente, xúrolles que moito me recordaba a deus: ese espírito que lle falaba ó taxista era omnisciente, omnipresente e omnipotente e según me aprenderon a min, nas clases de relixión do Padre Lexísima, no que daquela era coñecido en Ourense coma o Instituto d'O Posío, eran condicións únicas e exclusivas de Deus que, a maiores, non era Un senón Tres e por se aínda non fose abondo baixara ó mundo, enxendrado polo Espírito Santo, e dispuxera de dúas persoas, unha humana, divina a outra. Con tanta presenza no interior dos taxis non debera estrañar que eu me sentise un pouco apertado na miña integridade física e mental. Dende aquela a hoxe, moito cambiou o mundo.

 

NO 36, DAQUELA do enfrontamento civil que non cesa, os de dereitas levaban un "detente" nos seus peitos a altura do corazón. Que viña sendo un "detente"? Pois unha estampiña coa imaxe do Sagrado Corazón e unha lenda que dicía "detente bala, el Sagrado Corazón está comigo". Hoxe xa non se levan. A xente anda pola rúa mirando non unha estampiña, senón a pantalla dun teléfono móbil con moitos máis poderes ca un detente bala: a través del e sen ter que levalo a orella podes falar cun que estea en Sidney, mentres lle miras ós ollos; ser guiado a través dunha cidade que non coñezas; saber cántos cartos non tes no banco ou mercar o billete de volta prá túa casa se o que sucede é que estás en Sidney e con quen falabas era cun de Redondela.

 

Entre millóns e millóns de seres, dos moitos centos de millóns de seres que poboamos o mundo no que vivimos, ese espírito permíteche viaxar sen coñecementos previos, mercar sen diñeiro en metálico, guiarte por lugares descoñecidos e recomendarche zapatillas, agullas de calcetar e de crochet e tintes pró pelo, pois sabe máis de ti e dos teus gustos ca ti mesmo. Faino ó mesmo tempo que o fai con eses outros centos de millóns de seres. Esa pantalliña pode que non sexa o novo detente que todos transportamos. Pero case que é seguro a Faz de Deus que tanto percuran os monxes do Cister. A min tenme moi preocupado.

 

Ese espírito, o Espírito Que Nos Leva, o da pantalliña do móbil é omnisciente, omnipresente e omnipotente, sabe todo de nós, todo o que nos convén ou nos prexudica e, aínda por riba, é ó que lle confesamos ós nosos máis íntimos pensamentos e desexos, a nosas miserias e as nosas grandezas, con moita máis despreocupacións da que nunca empregariamos pra llos confesar a un psiquiatra ou a un sacerdote, según preferencias, ese Espírito, o Espírito Que Nos Leva, pregunto eu, será o Becerro de Ouro, do que tan avisada está a Humanidade dende case que o comezo dos tempos? Pénseno...por se acaso. Pero case millor non volver polo Xapón, non vaia ser o demo...

ESCRITOR, PREMIO NADAL E NACIONAL DE LITERATURA