El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

"O executivo compostelán está deslexitimado, roto e dividido"

O portavoz do BNG en Santiago agarda, "polo ben da cidade, que o PP e Currás deixen de aferrarse ó sillón" // Para Rubén Cela, a situación actual é "insostible", e vaticina "15 meses de máis escándalos e bochornos" // O seu grupo pedirá no pleno deste mes a convocatoria dunha sesión extraordinaria para abordar este asunto, e confía "en que o PP vote a favor da iniciativa"

Rubén Cela, este mércores en Radio Obradoiro - FOTO: RO
Rubén Cela, este mércores en Radio Obradoiro - FOTO: RO

Radio Obradoiro

Radio Obradoiro

Entrevista

Rubén Cela, portavoz do BNG en Santiago


SANTIAGO. RO  | 26.02.2014 
A- A+

Rubén Cela reiterou este mércores en Radio Obradoiro que a situación do executivo compostelán, "con 10 dos seus 13 concelleiros imputados en distintas causas xudiciais, é insostible". O portavoz do BNG en Raxoi agarda, "polo ben de Santiago, que o PP e Currás deixen de aferrarse ó sillón. Do contrario temos por diante 15 meses de máis escándalos e máis bochornos".

Para o concelleiro nacionalista, "o PP levou a un punto límite a política municipal en Compostela". Opina que o primeiro que ten que facer o alcalde é "pedir desculpas. Despois ten que dar explicacións nunha sesión extraordinaria que nos pediremos no pleno deste mes, e en terceiro lugar ten que haber asunción de responsabilidades, o que pasaría pola dimisión de tódolos edís imputados". Segundo Cela, "é un insulto á intelixencia dos veciños de Santiago que Currás diga que hai unión no goberno e que se traballa con normalidade".

Ó seu xuízo, o máis grave agora mesmo é que "chove sobre mollado. Esto non pasa en ningún concello de Galicia". Cela dixo estar convencido de que "a inmensa maioría dos veciños xa non cre nada do que di este goberno, incluidos moitos votantes do PP". Insistiu en que o executivo compostelán está "deslexitimado, roto, dividido e enfrontado entre sí". Recoñece que hai cousas "que non son ilegais, pero sí inaceptables dende o punto de vista ético". Consecuentemente, engadiu, "por hixiene democrática e por decencia política, as persoas encausadas deben apartarse dos seus cargos. Se non o fan, pasa a ser responsabilidade do seu partido".

Noutra orde de cousas, Rubén Cela referiuse á moción que o BNG vai levar tamén ó pleno deste mes, relativa á polémica rotonda de Galera. Nela pedirán "a paralización inmediata das obras porque, polo momento, é unha actuación que non está xustificada nin é necesaria". Para el, "a motivación principal destes traballos é darlle unha nova entrada ó aparcadoiro público da zona".

O concelleiro do BNG expresou a súa satisfacción pola decisión do concello de "mover ficha" a respecto das actuacións urxentes que hai que levar a cabo nos colexios da cidade. O que lle parece "difícil" é que o executivo sexa quen de non perder os 175.000 euros cos que a Deputación da Coruña subvencionaba a ampliación do centro sociocultural de Vidán. Cela explicou que esta actuación é "un esperpento, unha mostra máis de como funciona o goberno: as obras que non están baixo a lupa dun xulgado, están baixo a lupa da incompetencia".

Síguenos en twitter y facebook