Domingo 20.10.2019 Actualizado 00:18
Google    

El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

los otros días

Exercer de segundón ou de convidado de pedra

ALFREDO CONDE   | 23.06.2019 
A- A+

DISQUE PABLO CASADO preside o Partido Popular. Non lles estou completamente seguro. Teño pra min que máis ben o dirixe. Pode parecer o mesmo, pero non llo é. A pregunta é a de cara ónde o fai, cara ónde o dirixe. Máis neste caso. Pódese ser un mal xefe do executivo e un bo xefe de Estado, que llo pregunten a Mario Soares alá ónde estea.

Así que máis neste caso cando, previsiblemente e contra moitas sospeitas en sentido contrario, o esta dirixindo cara un abismo ó que xa se asoma. O outro día, Pablo Casado pronunciou unha conferencia en Bilbao na que argumentou, seica, a necesidade de acabar co nacionalismo debilitándoo ó máximo, facendo del algo indesexable e noxento. Esqueceuse de que el mesmo é nacionalista, e de que é mesmo ultra nacionalista o socio que tanto rendemento lle está a dar pois, dun xeito indirecto, está fulminando ó terceiro en discordia axudando a debilitar, cada vez máis e máis concienzudamente, as aspiracións de Ciudadanos de se converter no líder da oposición, aquel soño hoxe inalcanzable polo camiño que están a seguir as hostes do mozo da Malú unha vez reconvertido este nun novo frautista de Hamelin. E conste que non lles estou a chamar ratas ós que o seguen senún significando a música co que os engaiola.

E SERÁ QUE PABLO CASADO pensa que o nacionalismo español é bo e o resto deles, o resto dos que poboan esta que antano se chamaba "a pel de touro" son malos e o son por definición e por antonomasia? Ou será que a concepción de España, a idea e mailo proxecto que se teña dela (e pra ela) como algo propio ó que os demais deban permanecer alleos, é a que impera e se comparte? Será que, no fondo, non hai diferenza algunha entre uns e outros deses tres pés nos que se pretende que se sosteña a España de sempre, a deles, aquela que nin era unha, nin era grande, nin foi nunca enteiramente libre.

A denominación que o ministerio do Interior, dirixido por Jorge Fernández -o mesmiño que se caeu da burra indo, non camiño de Damasco, senón estando nas Vegas, indo probablemente de camiño do bacará e dispuñeu, dende entón, dun anxo da garda que se chama Marcelo e lle axuda a aparcar o coche- a denominación que lle deu a un grupo policial, posto ó servizo dos intereses do seu propio partido político, o de Policía Patriótica, en troques de Policía Partidista, proporciona unha lixeira idea da confusión dos intereses propios cos intereses xerais da cidadanía. e do empeño que poñen en magnificalo.

NON SE ENTENDE MOI BEN o que está a pasar. A dereita está a cavar a súa propia foxa. O problema está en que nesa foxa collemos todos e iso non lles é nada bo pró conxunto da cidadanía. Que sucederá cando os patrióticos membros do partido minoritario de entre os tres cuxos lideres tiveron a ben se fotografar xuntos na madrileña Praza de Colón comecen coas mesmas exixencias coas que xa botaron andar en Andalucía, se é que non comezaron xa ou que nalgún tempo deixaron de facelo? E que pasará cando a militancia de Ciudadanos se decate de que máis conta lles tería dado participar nun goberno de coalición e exercer o poder, ese que desgasta moito menos ca o do exercicio da oposición, Andreotti dixit.

Que pasará, máis tendo en conta que exercendo este o fará de segundón, cando non de convidado de pedra, pero exercendo aquel o faría tamén de segundón pero un chanzo por riba dun líder da oposición apoiado nun partido ultra nacionalista español; a non ser, claro, que este sexa bo e os demais cheiren a xofre. Nese caso millor calar.

ESCRITOR,  PREMIO NADAL Y NACIONAL DE LITERATURA