El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

Hernández mostra o seu apoio ao programa Apego de promoción da lingua

O plan está dirixido a fomentar e mellorar a transmisión do galego // No proxecto participan outros once municipios

CDS SANTIAGO  | 23.03.2015 
A- A+

O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, presidiu o acto de sinatura do protocolo de colaboración para a organización do programa Apego, dirixido a fomentar e mellorar a transmisión do galego. Ademais de Santiago, no proxecto participan outros once municipios: A Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois e Vigo.

Segundo explicou Agustín Hernández, este proxecto Apego une a estes doce concellos nun obxectivo primordial, "incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que adquiren o galego como lingua inicial, e promover que o usen de maneira habitual dende as idades máis temperás en todos os ámbitos, tanto no familiar como no social e, por suposto, nas escolas". Así, esta iniciativa pretende a promoción, defensa e divulgación do idioma galego entre a poboación e, de forma moi especial, entre a infancia, para tratar de contribuír a elevar os índices de autoestima e de utilización do noso idioma.

"Para os galegos e galegas, o mantemento da nosa lingua contribúe a fortalecer un dos nosos máis poderosos sinais de identidade", dixo, resaltando que "ter un idioma propio sitúanos no mundo en mellor posición". Nese cometido, " transmisión interxeracional é chave para o mantemento da nosa lingua como parte dese futuro", engadiu o alcalde.

En palabras de Hernández, "hoxe é un día para felicitarnos, porque vimos a demostrar que a defensa e a promoción do noso idioma é un proxecto común, unha cuestión de país, por riba de posicionamentos ideolóxicos ou de debates estériles". Neste sentido, amosouse convencido de que a iniciativa "se converterá nun exemplo do que se pode conseguir a través da colaboración e continuará sumando novos actores".

O programa 

O proxecto Apego ten como obxectivo incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que adquiren o galego como lingua inicial. Tamén se busca que usen o idioma de maneira habitual, con accións dirixidas ao ámbito familiar e social das crianzas ata os seis anos e cun método de continuidade que se irá enriquecendo en rede, coa colaboración de todos.

Trátase, ademais, dun proxecto aberto á incorporación de novos actores do ámbito público e tamén de organizacións ou institucións interesadas e comprometidas con este obxectivo. Así, o protocolo asinado hoxe establece redes de colaboración entre os concellos e entre departamentos da propia administración municipal, para desenvolver de forma conxunta e coordinada o citado programa, en ámbitos de intervención como a familia, as escolas e as actividades extraescolares e de ocio.

Entre os compromisos adquiridos figura o de dar a coñecer os argumentos que recomendan o uso do galego coas nenas e cos nenos e facilitar, tanto nas familias como no ámbito educativo, o acceso aos recursos, redes, materiais e servizos que faciliten obxectivo sinalado. Preténdese igualmente sensibilizar sobre a importancia do legado lingüístico que recibimos e as responsabilidades na súa transmisión.

Outro dos obxectivos do programa é aumentar o uso do galego no contexto familiar e social dos nenos e nenas nas primeiras idades. Para iso, poranse en marcha diversas accións deseñadas conxuntamente polos concellos participantes, que se adaptarán ás circunstancias concretas de cada municipio.

Entre estas accións estará o deseño dunha imaxe común para o programa; a edición dunha campaña informativa con material para distribuír nos espazos que habitualmente atenden ao embarazo e á adopción; ou a elaboración dunha caixa para entregarlles ás embarazadas coa finalidade de preparar a acollida das crianzas, dende a perspectiva da responsabilidade da transmisión da lingua. O programa Apego buscará tamén a creación dunha rede coas familias interesadas en recibir información e recursos de apoio para a crianza en galego.

Estas actividades completaranse con obradoiros formativos e coa creación dun espazo-web para informar do desenvolvemento do programa e aglutinar o acceso á información, recursos e redes de apoio á transmisión da lingua.

Ademais do alcalde de Santiago, Agustín Hernández, asinaron o protocolo esta mañá en Raxoi os alcaldes de A Baña, José Andrés García Cardeso; Carballo, Evencio Ferrero Rodríguez; Negreira, Juan Rey Maceira; Redondela, Javier Bas Corugeira; e Rois, Ramón Tojo Lens; os concelleiros de Normalización Lingüística de Ferrol, Martina Aneiros Barros; e de Pontevedra, Demetrio Gómez Xunqueira; os concelleiros de Cultura de Carnota, Iván Franco Grande, e de Ourense, Ana Mª Garrido Rodríguez; e a concelleira de Educación e Bibliotecas de Narón, María del Carmen Espada.