El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

mercado

Historia e futuro da Praza de Abastos

Unha guía achega unha selección de fotos antigas e actuais que amosan a ampla oferta do Mercado

MARTÍN FERNÁNDEZ  | 24.12.2014 
A- A+

Mercado de Abastos. Santiago de Compostela, unha obra dos xornalistas Henrique Neira, Carmen E. Vázquez e Miguel Seoane –extraballadores do Grupo Correo Gallego–, fai un percorrido pola historia dos distintos mercados que existiron na capital galega e lembra a construción do primitivo Mercado de Abastos –proxectado en 1870 e concluído en 1874– e do actual, comezado en 1938 e rematado en 1945.

A obra contén ducias de fotos antigas que amosan Praza en distintas épocas e ofrece datos de interese sobre a súa evolución, para dar a coñecer dun xeito ameno as súas orixes.

Unha segunda parte recolle a vida da Praza na actualidade, a través dun mosaico onde aparecen todos os praceiros, a verdadeira alma da praza, e dunha ampla colección de fotografías que descobren como é o Mercado hoxe en día, ensinando cada un dos pavillóns e como se está a preparar para o futuro coas obras de remodelación que están a piques de rematar.
O volume constata como os froitos do mar e do campo galegos enchen os postos da Praza, onde conviven con produtos que desde distintos lugares do mundo chegan para enriquecer as cestas da compra día tras día.

En total son máis de 400 as fotografías que contén este libro nas súas 100 páxinas, o que o converte nunha obra moi visual, que seguramente gustará por igual a habitantes de Compostela e a turistas. Para compoñer esta selección localizáronse ducias de imaxes antigas de distintos arquivos e realizáronse arredor de 5.000 fotos nos últimos dous anos, procurando que se recollese o máis fielmente posible a enorme variedade de produtos de temporada que se poden atopar hoxe en día na Praza de Abastos.

O volume, en edición trilingüe galego-castelán-inglés, é, según os seus autores, “unha guía moi visual sobre un lugar de referencia para os santigueses e o segundo lugar da cidade máis visitado polos turistas”.

EDICIÓN TRILINGÜE

••• A Aula Gastronómica da Praza acolleu onte a presentación do libro. Ademais dos seus autores, que sinalaron durante o acto que “os textos están en galego, castelán e inglés para facer o libro tamén accesible a un amplo colectivo de turistas”, asistiron a concelleira de Turismo, Reyes Leis, e a xerente do Mercado, Marta Rey. O libro pode mercarse na Plaza, nas librería de Santiago e a través de Internet.