El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

OS OUTROS DÍAS

Horas de entrada e saída

ALFREDO CONDE   | 19.05.2019 
A- A+

HAI ALGO MÁIS DE MEDIO SÉCULO, cando eu era pouco máis ca un rapaz e navegaba, as horas extras a bordo eran unha regalía. Non sei se en tódalas compañías de navegación, pero si na que eu o facía. Como non era preciso controlar as horas de entrada e saída do traballo (como non foras e viñeras del a nado, a ver cómo) e estabas sempre a disposición das necesidades da navegación, chegada a hora de anotar horas extras, podías poñer trescentas dez mensuais, ou sexa, dez diarias que non pasaba nada. Era o xeito da compañía de compensar os baixos salarios contemplados pola lexislación vixente. Ouh, que tempos!

Hai un pouco menos de medio século desembarquei de xeito que, rotas as amarras que ligaban o meu destino, foi funesto o novo rol: trasladeime a un baixel pirata pra navegar por cauto mar carente de aventura, coa voga implacable do bancario; ou sexa, empecei a traballar nun banco. Nel o control das horas de traballo realizábase unicamente levando nota das horas de entrada. Tiñas que asinar nun libro de firmas, adecuadamente exposto no despacho do director -dun natural de Cabra (Córdoba) que facía difícil de comprender que o seu xentilicio fose o de egrabense- que mantiña a porta aberta ata cinco minutos xustos despois das oito da mañá.

 

AS HORAS DE SAÍDA non constaban e nunca eran as oito de traballo que che aboarían a fin de mes. Si anotabas as horas extras, chegado o caso e previa consulta e admisión das traballadas, pero non o tempo transcorrido dende as tres da tarde en adiante. A min amolábame bastante. Ás tres e media debía estar nun colexio de Marín dando clases.

De todos xeitos, comparados cos de agora, aquilo era pouco menos que Ghaugha. Se collías unha gripe, mesmo un catarriño de nada, non tiñas que levar un certificado médico ata superar os tres días de ausencia laboral. Item máis, eses tres días aboábanchos con máis soldo que se os tiveras traballado. Resultaralles incrible ós lectores máis mozos. Pero era así como llo conto. Seino ben. Co ritmo de vida que levaba (ás cinco e media, logo de dúas horas de aulas, saía a fume de carozo pra Compostela pra asistir como alumno a elas) sumado ás tensións vividas, que non eran poucas nin ruíns, cada tres meses collía unha desas gripes, pasaba tres días durmindo e resucitaba fresco coma unha leituga.

Toda esta longa e persoal historia ven a conto do moito que mudan os tempos e o pouco que o fan algunhas xentes. Nestes días de aí atrás comezou a ser de novo obrigatorio neste país o rexistro das horas de entrada nos traballos; pero non só as de entrada, senón tamén as de saída. Así que tamén podo escribir de novo iso de ouh, que tempos estes!

 

ABSTEREIME DE FACER VALORACIÓNS. Confío na intelixencia dos lectores e prefiro deixar que cada un deles faga a que lle corresponda. Pero non deixarei de pensar neses centos de médicos e de enfermeiros que asinaron centos de contratos nun par de anos ou tres. Pero tamén nos centos de miles de traballadores autónomos que, non séndoo en absoluto, saben a que horas entran nos seus choios e nunca a cales sairán deles ou, por resumir xa, a tantos e tantos traballadores que, unhas veces mesmo con razóns que amparan tal medida porque se non a empresa vaise ó c... e por libre ou forzada vontade, no caso de moitísimos máis, sen dubida, que son explotados porque as disposición laborais consecuencia dos austericidio padecido así o consenten de xeito que traballan doce e catorce horas diarias e eiquí non pasaba nada.

Os tempos mudan. Fano nun sentido ou noutro, avanzan e retroceden, van e veñen ó albur das mentalidades reitoras, facéndoo de xeito que, a proba de que o ser humano ten xuizo, como lle sucede ó enxame de abellas do que nos fala Maeterlink, é que as veces o humano, o enxame humano, se equivoca e emprende un voo errado que da conta del en poucos anos. A pregunta é a de que en qué estriba a diferenza entre unhas abellas que seguen a ruta marcada pola súa raíña, sen saber que voan cara un destino fatal e equivocado, do dos electores que propician, sen sabelo e por puro mimetismo, por mero sentimentalismo ou simple emotividade carente de reflexión algunha, o regreso a formulas que se quixeran trasnoitadas. Non é pequena nin ruín reflexión a que se propón nestes días pre electorais que atravesamos. Os concellos tamén conta. e moito. Xa o levamos percibido abondo nestes anos.

ESCRITOR, PREMIO NADAL E NACIONAL DE LITERATURA