El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

Internos do Psiquiátrico convértense en alumnos da man do voluntariado

O programa cumpre 25 anos // Teñen Escola, Coro, Deporte, Baile, Inglés ou Amigos

Beatriz Pais, esq., Luisa Ortega, Eloína Núñez, M. Páramo, Luz Campello e Rosalía Morlán
 - FOTO: ECG
Beatriz Pais, esq., Luisa Ortega, Eloína Núñez, M. Páramo, Luz Campello e Rosalía Morlán - FOTO: ECG

REDACCIÓN   | 21.05.2019 
A- A+

As escaleiras de mármore do Hospital Psiquiátrico de Conxo acolleron onte a celebración do 25 aniversario do voluntariado no centro, e tamén os festexos polo día das Letras Galegas.

O programa de voluntariado cumpre un cuarto de século contando con tres entidades: Sepiu (Servizo de Participación e Integración Universitaria), a Asociación Itínera de Voluntariado en Saúde Mental, e o Voluntariado Galego. En total son 15 os/as voluntarios/as que colaboran no Psiquiátrico, 8 deles na Escola, que é o programa máis emblemático e no que participan actualmente 51 alumnos.

O coro é outra das actividades destacadas, que ven de cumprir 10 anos e participa en actuacións anuais como no Banquete de Conxo, na residencia da Terceira Idade de Volta do Castro, no acto da Merced na igrexa e no conmemorativo das Letras Galegas, que se celebrou onte.

Os outros programas de voluntariado que se desenvolveron este ano son Deporte, Baile, Inglés e Amigos, este último é un programa de acompañamento na contorna social.

O obxectivo destes programas de voluntariado é contribuír á rehabilitación da identidade persoal, romper o illamento e mellorar a integración na sociedade.

Segundo a traballadora social do centro hospitalario, María Luísa Ortega, organizadora da xornada, "nas actividades os internos son algo máis que internos: son alumnos da Escola, de clases de inglés, de baile, de coro ou deportistas... Coas actuacións do voluntariado enriquécese a súa vida no hospital. Aténdense as súas motivacións, potenciando e desenvolvendo as súas capacidades persoais".

A xerente da área sanitaria compostelá, Eloína Núñez, acompañou ao o xefe de Servizo de Psiquiatría, o doutor Mario Páramo; á subdirectora de Calidade e Atención ao doente, Beatriz Pais, e aos profesionais e usuarios, na inauguración da xornada que foi presentada por Manuel Varela, paciente do centro.

Ao longo da xornada houbo intervencións poéticas por parte de Luz Campello, escritora e xefa do servizo de Traballo Social da XXI de A Coruña, e Rosalía Morlán, escritora e supervisora de enfermaría da XXIS, que leron poemas propios moi emotivos.

Morlán recitou un escrito inédito e Campello animou aos internos a empregar a poesía para expresar as vivencias da súa vida, e falou do seu potencial terapéutico e animou a "baixar a poesía dos altares e traela a vida cotiá". Houbo ademais actuacións de música tradicional e do coro do Psiquiátrico e participaron unhas pandereteiras, antes dun pincho para celebrar as vodas de prata.