El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

teatro de calidade con música en directo

Luis Iglesia e Xabier Deive chegan a Compostela con "Sede de mal"

CDS  | 12.02.2014 
A- A+

O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentou a nova proposta do ciclo Teatro & Danza, Sede de mal. Fíxoo acompañado dos seus dous protagonistas, Xabier Deive e Luis Iglesia, que estarán con esta obra este xoves 13 e o venres 14, no Teatro Principal, a partir das 21:00 horas.

Dous dos grandes actores da escena galega actual, o chairego Luis Iglesia e o ferrolán Xabier Deive, están de xira por Galicia co seu novo espectáculo, Sede de mal. Diálogos cargados de humor e "maldade", música en directo e a mestría que os caracteriza fan desta proposta unha das máis relevantes dos últimos tempos no panorama actoral do país.

Para público adulto, dous dos "malos oficiais de Galicia", segundo eles mesmos din, chegan á capital galega para non deixar cousa con cousa na orde establecida coas súas voces, cancións e diálogos nunha xira que os está a levar por ducias de localidades galegas tales como A Estrada, Cedeira, Celanova, Allariz, Cangas, Mourente e moitas máis.

Esta "comedia a 12 cordas sobre o lado escuro da vida", tal e como os propios protagonistas a definen, é a nova aposta de Luis Iglesia e Xabier Deive (dous actores da televisiva serie Matalobos) para encher de novo os teatros e demais espazos escénicos galegos. Eles dous, cos seus traballados textos e unha moi interesante proposta musical en directo, logran enganchar o público con reflexións e preguntas sobre a vida mesma.

Sinónimos e sinónimas, estes dous anónimos quedaron sen vacacións para ofrecerlle ao seu público unha comedia da vida, unhas ensinanzas evanxélicas, un "leit motiv para non ser un pimpín. Ou queredes ser pimpíns?", din con toda a sorna posible os dous actores. O espectáculo está producido por Boneca Lareta, distribúeo Culturactiva SCG, e enmárcase dentro do ciclo Teatro & Danza do Concello de Santiago.

As entradas para o espectáculo, a 10 euros, poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00 horas); no 902 434 443 ou en entradas.novagaliciabanco.es. Ademais, esta obra entra dentro da promoción do Bono de Teatro Galego, mediante o cal se poden adquirir 5 entradas por 35 €.