El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

Máis de 160 accións de voluntariado neste mes de agosto na comarca de Santiago

01.08.2013 
A- A+

A concelleira de Xuventude, Rebeca Domínguez; o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro; e o secretario xeral do Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, visitaron a actividade de Voluntariado Ambiental que se está a levar a cabo no Monte Pedroso. Asistiron a unha clase práctica de cartografía, consistente en buscar no mapa diferentes puntos dende o alto do monte.

O Programa de Voluntariado Ambiental, posto en marcha pola Consellería de Traballo e Benestar e a Consellería do Medio Rural e do Mar permitirá o desenvolvemento de 160 accións voluntarias na comarca de Santiago neste mes de agosto. O seu ámbito de actuación son as principais masas forestais da comarca, centrando a súa presenza nos montes Pedroso (Santiago), Pico Sacro (Boqueixón) e O Picoto (Val do Dubra).

Os voluntarios que participen neste programa realizarán tarefas de vixilancia disuasoria para a prevención de incendios forestais, en coordinación co distrito forestal de Ordes. Ao tempo, os participantes recibirán formación en materia de especies forestais autóctonas, cartografía e prevención de incendios.

O programa de Voluntariado Ambiental ten como obxectivo principal sensibilizar a través da participación cidadá da necesidade de conservar o patrimonio natural, ao tempo que os voluntarios adquiren os criterios e os coñecementos básicos sobre prevención, información e vixilancia contra os incendios forestais.

Está concibido como un campo de traballo e desenvolverase en 24 quendas de 5 días. Grupos de 8 voluntarios e voluntarias, xunto cun monitor, realizarán as diferentes actividades. A iniciativa inclúe aloxamento e pensión completa nun albergue, o desenvolvemento das diferentes actuacións e o seguro de responsabilidade. Os voluntarios que participen no programa obterán un certificado acreditativo que será inscrito no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.