El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

Marcial Villamor, o home que impediu a queima da Catedral

Nado en Toques, foi un destacado líder sindicalista da comarca compostelá nos anos 30 // A súa influencia foi determinante para impedir ataques de elementos das FAI contra as basílicas // Asasinado na madrugada do 28 de setembro de 1937, unha praza santiaguesa recorda a súa figura preto da rúa do Olvido

JUANJO EIREOS. SANTIAGO  | 26.12.2016 
A- A+

A rúa do Olvido de Compostela apenas conta con cento cincuenta metros de trazado. Baixa desde O Pexego cara Castrón Douro. Por máis que un tenta pescudar a orixe do nome non topa con alguén que dea coa chave. “Non o sabemos”, explican desde un colectivo veciñal de Sar. Superala leva dous minutos a pé. As casas do perímetro semellan ter moitos anos, algunhas están abandonadas, outras en rehabilitación. A maioría dan a unha praza urbanizada cun gran espazo verde e un parque infantil. Nun dos recunchos, entre a herba, unha placa co logo do Concello dálle nome ao lugar: praza Marcial Villamor Varela

A poucos metros dalí hai unha casa que agocha algúns dos segredos da historia do lugar. Un 20 de xullo de 1936, o ebanista e sindicalista Marcial Villamor fuxía para sempre. As forzas leais á rebelión militar viñan buscalo. Eran os primeiros refachos de odio dun conflito que deixaría feridas abertas durante décadas. “Escapou polas hortas de Belvís entre tiros e como puido, tras varios días, acabou nunha aldea perdida de Melide”, conta Manuel, neto do protagonista desta historia.

A de Marcial é unha desas vidas marcadas polo azar e o devir histórico das guerras nas que se viu accidentalmente implicado. Con vinte anos foi mobilizado para combatir en África. Aquel rapaz non sabía nin ler nin escribir. Foi unha vítima máis do modelo desigual de recrutamento da época, os que posuían posicionamento e cartos podían liberarse de facer servizos militares. Pola contra, os pobres e os máis febles formaban parte das listas de heroes que ían combatir polo rei de España. Foi alí onde aquel rapaz aprendeu as letras, entre tiros e sables. “Dez anos despois de voltar da guerra o meu avó tiña unha das mellores bibliotecas privadas de Santiago”, presume o seu neto. “Á súa casa chegaron a visitalo personalidades como Ortega y Gasset ou Federica de Montseny”, relata.

Archivo El Correo Gallego
A casa onde vivía Marcial Villamor era a do número 18, a máis baixa diante da persoa.
FOTO: Archivo El Correo Gallego


Todos aqueles volumes foron saqueados polos inimigos radicais da súa forma de pensar durante os primeros días da revolta, onde acudían cada pouco as forzas falanxistas para asegurarse de que o carpinteiro non regresara. Membro da CNT e logo fundador do brazo galego do Partido Sindicalista de Ángel Pestaña, foi un destacado líder obreiro na comarca compostelá. “Sempre que en Santiago recibía unha visita importante ou había unha folga, era detido. Era un dos doce ou trece que estaban sinalados”, lembra Manuel. Os arrestados adoitaban acabar na Falcona, así se coñecía popularmente o centro de detención situado nos baixos do Pazo de Raxoi, onde está hoxe a Policía Local. “Miña nai recorda levarlle o xornal aos presos. Unha vez volvera moi contenta porque lle regalaran unha boneca entre todos”, recorda Manuel.

Eran tempos de gran tensión política e social, o clima prebélico percibíase en todos os ámbitos. Sectores da esquerda non dubidaban en atacar as igrexas. “El foi o home que evitou a queima da Catedral de Santiago”, comenta Manuel parafraseando o testemuño directo de alguén vivira aqueles días. “Os dos sindicatos e formacións de esquerdas sospeitaban  que os falanxistas estaban a gardar armas na Catedral, así que un grupo de membros da FAI (unha facción radical da CNT) decidiu ir unha noite a queimar a basílica. Meu avó estivo todo o día recrutando xente para impedilo. Pasearon pola contorna da Catedral agardando a chegada desta xente. Estiveron a paus e o grupo de meu avó gañou”, conta.

Marcial sobreviviu en faiados e en varias casas namentres buscaba unha vía de fuxida. Algo que lle chegou falsificando os documentos dun parente falecido. Cando ía camiño de Asturias foi retido en Baralla nun control. Xa co salvoconduto na man, atopouse na porta con dous falanxistas santiagueses que o recoñeceron como Marcial Villamor, sindicalista e inimigo do denominado Glorioso Movimiento Nacional. Ao día seguinte anúnciase nun xornal a súa detención e traslado a Santiago. Marcial xamais chegou á capital galega. O seu parte de defunción do día 28 de setembro de 1937 di que morreu a causa dun derrame cerebral. “O normal cando che meten dous tiros na cabeza”, engade sarcástico o seu neto. O cadáver apareceu tirado ás seis da mañá nun lugar da aldea de Guntín, preto de Palas. “Sempre pensamos que fixo algo por fuxir porque lle prometera á avoa que nunca o volverían ver na prisión”, di.

O taller de carpintería no que traballaba, na rúa da Ensinanza, quedou baleiro. Tiña trinta e oito anos. Deixou viúva e cinco fillos. “A miña nai sempre foi a filla do roxo”, di Manuel. A pesares da desgraza e a impunidade deste tráxico suceso, a familia saiu adiante. “A avoa vendía frores na praza e os fillos foron conseguindo traballos que axudaron”. Recorda que nunca escoitara falar de política no seu fogar ata que, coincidindo co estado de saúde de Franco, a matriarca interrumpiu unha conversa: “Nesta casa non se fala de política, xa tivemos política dabondo”. Manuel explica que na familia nunca se lles inculcou sentimentos de odio ou de vinganza. Por iso nunca entenderon as verbas do portavoz do PP durante o pleno que votou en 2008 en contra de homenaxear cunha praza a Marcial. “No podemos aceptar esto porque estas personas tienen a miles de cadáveres a sus espaldas”, recorda aínda indignado Manuel.

A iniciativa de recuperar a memoria de Marcial Villamor partiu da familia. Logrou reunir unhas dúas mil firmas. Superados os trámites só quedaba a aceptación maioritaria do pleno do Concello. O día que se bautizou a praza co nome do carpinteiro de Sar, non só se lembrou a súa figura, tamén se reinvindicaron a democracia, a liberdade, a xustiza e, claro está, a necesidade de recuperar a memoria histórica, de recordarlle a todos que houbo homes que deron a súa vida por defender unas ideas que consideraban máis xustas. Cómpre non esquecer a súa historia, viva un ou non na rúa do Olvido.

J.E.
Placa que dá nome a praza de Marcial Villamor Varela. En segundo plano, o cartel da rúa do Olvido.
FOTO: J.E.