El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

Nove concertos no programa musical da Semana Santa 2012

Presentación do programa en Raxoi
Presentación do programa en Raxoi

28.03.2012 
A- A+

O concelleiro de Cultura, Ángel Currás, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentaron o programa musical Semana Santa 2012, que engloba nove concertos que se celebrarán na igrexa da Universidade, agás un que será no Auditorio de Galicia. O programa de concertos, que se celebra do 4 ao 8 de abril, presenta unha ampla variedade musical, indo dende a época medieval ata o Barroco, con algunha incursión no Romanticismo e no século XX. Todos os músicos teñen vinculación con Galicia.

Este programa foi elaborado desde a concellería de Cultura para completar a programación cultural da Semana Santa logo de confirmarse que este ano non se podería celebrar o Festival de Músicas Contemplativas. Así, traballouse nun programa variado no que todos os artistas teñen algunha relación con Galicia, ben porque son galegos, ben porque desenvolven a súa actividade no noso país.

O programa inaugúrase o mércores 8 de abril, ás 21:00 horas, co coro Vox Stellae, dirixido por Luis Martínez e co organista Joaquín Barreira. Neste concerto, que se fai en colaboración do Centro Checo, estrearase unha misa en sol que Antonin Tucapsky dedicou a Compostela. O xoves teremos dous concertos. O primeiro, ás 20:00 horas, será con Ars Combinatoria, que presenta Quando fuere menester glosar, música renacentista e poesía do Século de Ouro español e, ás 22:00 horas, poderemos escoitar a Germán Díaz, zanfonista que nos presenta un novo método, o cardiofónico, baseado nos latexos do corazón.

O venres, ás 20:00 horas, chega a lírica mariana dos trobadores galegos e franceses con Malandança, dirixida por Francisco Luengo e, ás 22:00 horas, os Tesouros clavenicísticos de Diego Ares. Ars Atlántica estará o sábado, ás 20:00 horas, presentando Dulce desdén, cancións e danzas da idade dourada, s. XVI e XVII e, ás 22:00 horas, poderemos gozar do violín barroco de Amandine Beyer, que nos presenta Bach, partitas e sonatas.

Para o domingo, ás 19:00 horas, queda o único concerto que non será na igrexa da Universidade, senón no Auditorio de Galicia. Poderemos gozar coa música da Orquestra Nova e a Orquestra de Nenos da Sinfónica de Galicia. E pechará este programa, ás 21:30 horas, de novo na igrexa da Universidade, Resonet que nos presenta Il Sole et Luna, músicas e sonetos do barroco ibérico para o tempo de Paixón, na que poderemos escoitar á soprano Mercedes Hernández xunto cos músicos Paulo González, Carlos Castro e Fernando Reyes e cunha colaboración do actor Evaristo Calvo.

Entradas na billeteira do Principal
A entrada para todos os concertos, agás o do Auditorio, é de balde previa retirada de convites, cun máximo de dous por persoa, na billeteira do Teatro Principal, aberta de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas. O concerto do Auditorio de Galicia terá un custo de 3 euros, agás para os abonados, que é de balde.