El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

Brillante acto en Santiago

Os novos 'San Clemente' poñen os libros como parapeto ante a crise: "Son tempos de matarifes"

O Instituto Rosalía entrégalles os premios a Arturo Pérez Reverte, ao grego Petros Márkaris e ao galego Pedro Feijoo, polas novelas 'O tango da garda vella', 'Liquidación final' e 'Fillos do mar'

Pedro Feijóo, Arturo Pérez Reverte, Petros Márkaris e Ubaldo Rueda no salón ateigado de xente do Rosalía - FOTO: ANTONIO HERNÁNDEZ
Ver galería
Pedro Feijóo, Arturo Pérez Reverte, Petros Márkaris e Ubaldo Rueda no salón ateigado de xente do Rosalía - FOTO: ANTONIO HERNÁNDEZ

SANTIAGO. X.C.  | 28.01.2014 
A- A+

Atravesamos tempos moi difíciles. "Somos cordeiros en mans dos matarifes; son tempos de matarifes", laióuse Arturo Pérez Reverte nunha concorridísima rolda de prensa na que el os outros dous galardoados cos San Clemente, o galego Pedro Feijoo e o grego Petros Márkaris, sobrevoaron a profunda crise económica e o papel dos mozos fronte ela. O acto, previo á entrega dos premios que cada ano outorgan os alumnos de secundaria do instituto Rosalía de Castro, en Santiago, deixou momentos intensos, especialmente coas críticas ao sistema educativo e coa defensa da actitude de loita fronte á máis habitual escapada.

A novela pola que foi recoñecido Petros Márkaris na modalidade de lingua estranxeira, 'Liquidación final', é a segunda dunha triloxía que ten como leit motiv a crise, tratada a través dunha historia policíaca. O autor grego referiuse ás respostas que buscan os mozos na literatura, concretamente na súa obra e, despois de recoñecer que é moi difícil dalas e atopalas, salientou porén que talvez formular unhas boas preguntas a través dos libros teña moita utilidade para os lectores.

Márkaris describiu unha situación moi terrible en Grecia: os mozos teñen que enfrontarse á pobreza e marchan na procura de respostas noutros países, nunha realidade peor pero non tan distinta á que se vive en España. Non se dan conta, defendeu con vehemencia o grego, de que o que hai que facer é quedar e loitar, para estar en mellores condicións de atopar eses camiños buscados.

Pérez Reverte, premiado pola obra 'O tango da garda vella' -mellor novela en lingua castelá- explicou que os libros, entendendo como tal a propia cultura, a de verdade, axudan ás persoas a sobrelevar e superar as situacións como as que sufrimos na actualidade. Veñen tempos moi difíciles, agoirou, e os libros serven e servirán como estímulo para as persoas que queiran loitar, do mesmo xeito que serán útiles para aquelas xentes que se resignen e busquen consolo. En calquera caso, son ferramentas que as autoridades lles deberían proporcionar aos rapaces e rapazas, e ao non facelo prívanos dese patrimonio, algo moi grave porque lles resta moitas posibilidades.

Reverte recorreu á literatura para ilustrar a idea, e referiuse ao lume de Troya, "que inevitablemente acabará ardendo", afirmando que quen teña a Ilíada e a Odisea saberá mellor que facer ante o desastre, ou como escapar del, ou como explicar e asumir por e para que está ardendo aquela cidade. O asunto é que agora case ninguén le a Homero ou a Virgilio.

Pedro Feijoo, que recibiu o galardón por 'Fillos do mar', mellor obra en galego, unha novela de aventuras e intriga que leva lector ata a Batalla de Rande da man dun mediocre arquitecto de Vigo, remachou a reflexionando, sobre esa busca de respostas a través da literatura, que só feito de levar un libro no peto xa é unha declaración de intencións.

OS LIBROS

'Liquidación final', do grego Petros Márkaris, transita pola indignación dos gregos empobrecidos que ven con estupefacción como os ricos evitan pagar impostos e se enriquecen máis e máis gracias á fraude fiscal. Neste contexto, nunha Atenas ao borde da quebra, un home decide actuar e colle a xustiza pola man. É o momento do coñecido comisario Kostas Jaritos, que debe coller un asasino que, en lugar de ser criticado, é aplaudido polos cidadáns.

'O tango da garda vella', de Arturo Pérez Reverte, narra unha historia de amor, intrigas e traicións que se prolonga durante catro décadas a través de un século convulso e fascinante. É un estraño desafío entre dous músicos, que leva un deles Bos Aires en 1928; un asunto de espionaxe na Riviera francesa durante a Guerra Civil española; unha inquietante partida de xadrez no Sorrento dos anos sesenta.

'Fillos do mar' é tamén unha novela policíaca que desenvolve a trama na cidade de Vigo. A un arquitecto sen encargos aparécelle, sorpresivamente, unha obra de restauración dunha fonte na mansión dunha señora encantadora que, aos poucos días de iniciados os traballos, morre misteriosamente. Da fonte non só sae auga, tamén estranos indicios que provocan situacións perigosas e mesmo asasinatos... e todo arredor dun suposto magnífico tesouro moi comentado pero nunca atopado que procedería dos galeóns afundidos na famosa batalla de Rande.

O ACTO

Os tres premiados mostráronse moi agradecidos polos premios, que valoraron especialmente por seren mozos e mozas os xuíces, desde a inxenuidade e tamén desde a honestidade, como sinalou Reverte, xa que, precisamente por iso xulgan alleos ao mercado e a calquera tipo de presións. Simplemente, as obras gústanlle máis ou menos. O salón de actos do Instituto compostelán Rosalía de Castro volveu encherse a rebentar para celebrar a festa literaria máis bonita. Os anfitrións agasallaron aos tres premiados nunha celebración visual e alegre, que contou coa presenza de alumnos e profesores do centro, do alcalde de Santiago, Ángel Currás, do conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez, e do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.