El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

actos organizados por Afundación

O alcalde súmase á celebración do Día Internacional do Maior

Na actualidade, case 700 millóns de persoas son maiores de 60 anos // Estímase que no ano 2050 esa cifra subirá ata os 2.000 millóns, o que equivale ao 20 por cento da poboación mundial

O alcalde sumouse á celebración  - FOTO: cds
O alcalde sumouse á celebración - FOTO: cds

CDS  | 01.10.2015 
A- A+

O alcalde sumouse hoxe á conmemoración do Día Internacional do Maior, participando nos actos organizados por Afundación na súa sede da rúa do Vilar.

Martiño Noriega foi recibido polo patrón da entidade, Marcelino Agís, e polo director do Centro de Maiores de Afundación-Santiago, Álvaro Álvarez, e fíxose unha fotografía no photocall preparado para a ocasión, co lema "+60 COUNTS". Afundación organizou un espazo para que todos aqueles que o desexaran puideran sacarse unha fotografía con mensaxes reivindicativas en prol dos maiores, confeccionadas a partir dun traballo participativo con socias e socios dos seus centros.

Día Internacional dos Maiores
O 1 de outubro foi declarado Día Internacional das Persoas de Idade pola ONU, hai xa 25 anos. Desta vez, o lema elixido foi "A sustentabilidade e a inclusión das persoas maiores na contorna urbana". O obxectivo, segundo Nacións Unidas, é amosar "unha axenda que inclúa ás persoas de idade, para que as contornas urbanas promovan a equidade, o benestar e a prosperidade para todos".

Na actualidade, case 700 millóns de persoas son maiores de 60 anos. Estímase que no ano 2050 esa cifra subirá ata os 2.000 millóns, o que equivale ao 20 por cento da poboación mundial. En Galicia, calcúlase que en 2050 terán máis de 60 anos tres de cada cinco persoas. Por iso, é preciso prestarlle unha maior atención ás necesidades particulares deste colectivo e aos problemas aos que se enfrontan.