El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

Nos “Luns do Ateneo”

Olivia Rodríguez: “Aurelio Aguirre segue a ser unha lenda dentro do imaxinario colectivo de Galicia”

SANTIAGO  | 11.03.2014 
A- A+

“A figura de Aurelio Aguirre sufriu un proceso de lendarización no imaxinario galego que aínda persiste”, afirmou onte nos 'Luns do Ateneo' a filóloga da Universidade da Coruña Olivia Rodríguez, que falou da obra do poeta compostelán, falecido aos 25 anos na praia de San Amaro, na Coruña e autor do libro “Recuerdos de Agosto” que acaba de ser recuperado e publicado cunha edición crítica pola editorial Alvarellos e o Consorcio da cidade de Santiago. Aguirre foi impulsor e protagonista do banquete de Conxo, acto de convivencia interclasista entre obreiros e estudantes, celebrado en 1856 e que supón o primeiro referente do cambio social e da democracia en Galicia.

A lenda, que situa como suicidio o que probablemente foi unha morte accidental, rodea a obra do poeta máis popular da época ao que se relaciona con Rosalía de Castro, pero que en realidad mantiña unha relación amorosa coa viguesa Felisa Taboada, á que visitaba nos días da súa morte na cidade da Coruña, cando traballaba na edición por entregas do seu primeiro libro. A mitoloxía sobre o suicidio romántico é desmentida en 1885 polo propio Murguía en “Los Precursores”. A comenzos do século XXI, a Biblioteca Gallega publica unha selección da obra do poeta que, agora, complétase con este interesante manuscrito atopado recentemente no Museo de Pontevedra e que ven acompañado do estudo da súa obra realizado por Olivia Rodríguez.

O cadáver do poeta foi soterrado no cementerio de San Domingos, en Compostela, e finalmente trasladado a Boisaca, a mediados dos anos 90, donde actualmente repousa xunto a Valle Inclán.