El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

O pago fraccionado dos recibos do IBI pode solicitarse ata o 28 de febreiro

Calquera titular dun recibo do imposto sobre bens inmobles pode facer uso desta posibilidade, pero ten que solicitalo para todos os seus recibos deste imposto

CONCELLO DE SANTIAGO  | 09.01.2013 
A- A+

A Concellería de Facenda informa da posibilidade que teñen os contribuíntes composteláns de efectuar o pago fraccionado dos recibos do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), un sistema que se implanta por primeira vez neste ano 2013. Precisamente, para este exercicio, con carácter excepcional, pódese solicitar este pago fraccionado ata o 28 de febreiro.

Este sistema de pago fraccionado permitirá, previa solicitude do titular, aboar todos os recibos do imposto sobre bens inmobles (IBI) mediante domiciliación bancaria en tres fraccións que se cargarán na conta o dia 5 dos meses de maio, agosto e novembro. O importe que se paga de cada vez é a terceira parte do recibo. Os titulares que non se acollan a este sistema teñen que pagar os seus recibos dunha soa vez polo importe total entre os días 5 de abril e 5 de xuño.

Calquera titular dun recibo do imposto sobre bens inmobles pode facer uso desta posibilidade, pero ten que solicitalo para todos os seus recibos deste imposto. A solicitude efectuarase antes do día 28 de febreiro.

A solicitude non ten ningunha particularidade e pode presentarse como calquera outra solicitude ao Concello. Non obstante, o Concello pon a disposición dos interesados o impreso "Adhesión ao sistema especial de pago T09" e habilitou dous postos na Oficina de Atención ao Contribuínte en xaneiro e febreiro para tramitar con celeridade as solicitudes que se fagan. Esta Oficina está na rúa do Presidente Salvador Allende, 4 - baixo (zona de Galeras). O seu teléfono é o 981542 384.

Os requisitos ou condicións para acollerse a este sistema de pago fraccionado son os seguintes:

1.- Solicitalo formalmente ao Concello.

2.-Sinalar na solicitude o código da conta bancaria do cliente (20 díxitos do número de conta) no que se domicilia o pago.

3.- Solicitalo para todos os recibos do imposto sobre bens inmobles (Non se permite acollerse a este sistema especial de pago para un ou varios recibos e deixar outro ou outros recibos para o sistema normal de pago).

4.- Non ter ningunha débeda pendente de pago en vía executiva no momento no que se aproba o padrón do imposto sobre bens inmobles (1 de marzo).