El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

Pardo insiste en que a ubicación dun parque infantil na Praza de Galicia é "idónea"

O BNG critica que a concelleira de Urbanismo poña "en dúbida a profesionalidade e a seriedade" do Colexio Oficial de Arquitectos que se opón esta actuación // Os socialistas propoñen que o parque infantil se traslade á Alameda e negan que o PSOE pretenda promover un Gamonal en Santiago, tal e como afirmou a concelleira popular

SANTIAGO. RO  | 31.01.2014 
A- A+

A concelleira de Urbanismo, María Pardo, indicou que segue considerando "idónea" a ubicación na Praza de Galicia dun parque infantil e está segura do "enorme éxito" que terá a nova configuración da praza. Neste sentido, lembrou que, na actualidade, a praza é un "espazo público desaproveitado". 

Sobre o parque infantil, indicou que, agora mesmo, o Parque de Ramírez é o "único parque céntrico para un Ensanche no que viven 30.000 cidadáns". O propio "éxito" e "saturación" deste espazo na praza Roxa é un indicativo, en palabras da concelleira, da necesidade de espazos infantís nesta parte da cidade. De aí a decisión, dixo, do parque na praza de Galicia e do da praza de Vigo.

Quixo aclarar igualmente que non se van talar as árbores da praza de Galicia e que, unicamente, "se retiraron dúas tullas enfermas". De feito, engadiu, plantaranse 15 árbores máis, realizarase unha mellora xeral da xardinería e instalarase un estanque. Sobre as críticas do Colexio de Arquitectos sobre a actuación na Praza de Galicia, Pardo sinalou que a entidade vai "a rebufo político". 

A concelleira tamén se referiu na rolda de prensa ás obras en Galeras que permitirán a creación dunha glorieta, o dobre sentido na rúa de Domingo García-Sabell e a peonalización das rúas Carretas e Hortas. Lembrou que xa dende 2011 os veciños destas dúas rúas viñan pedindo esta peonalización por un problema de seguridade e de ruído e que, dende abril de 2012, se vén informando publicamente sobre esta actuación.

Insistiu María Pardo no convencemento de que esta obra suporá unha mellora na seguridade viaria da zona e indicou que conta con todos os informes técnicos e xurídicos favorables.

Doutra banda, Pardo anunciou a próxima licitación dun contrato para a actualización da cartografía municipal. Cun tipo de licitación de 100.000 euros e un prazo de execución de nove meses, agárdase que os traballos estean rematados para principios do ano 2015.

María Pardo lembrou que os últimos voos fotogramétricos se realizaran en 2008 e que posteriormente o Consorcio, en 2011 realizara a cartografía do Casco Histórico. Dende entón, dixo, "a cidade cambiou moito e a cartografía quedou xa obsoleta". De aí a necesidade da renovación, requisito igualmente para a Plataforma de Xestión Integral dos Servizos Públicos en marcha. Esta contratación é posta en marcha polos departamentos de Cartografía e de Innovación, supervisados pola oficina técnica de Smart Cities.

A cartografía realizarase a unha escala de 1:500 nas 1.885 hectáreas do ámbito urbano. No resto, ata as 22.000 hectáreas da superficie total do municipio, a escala será de 1:1000. A información recollida harmonizarase coa base topográfica urbana da Xunta de Galicia.

A empresa que resulte adxudicataria do servizo deberá realizar os seguintes traballos: voos fotogramétricos, apoio fotogramétrico, aerotringulación, restitución fotogramética dixital, edición da cartografía e sistemas de información xeográfica, revisión e toma de datos de campo.

CRÍTICAS DE BNG E PSOE

Sobre a petición do Colexio Oficial de Arquitectos de Galiza de que se paralicen as obras para instalar un espazo infantil na praza de Galiza, Rubén Cela afirmou, perante preguntas de xornalistas, que as declaracións da portavoz do Goberno local, María Pardo, constitúen “unha nova saída de ton desafortunada” que agarda “que retire ou que desautorice o alcalde da cidade”.

Rubén Cela lembrou tamén os precedentes da portavoz do Goberno local de acusar o poder xudicial de persecución política ao PP e a determinados colectivos veciñais. “Pór en dúbida a profesionalidade e a seriedade do Colexio Oficial de Arquitectos non é de recibo para a portavoz dun grupo de Goberno”, indicou Rubén Cela, porque este colectivo profesional “ten unha traxectoria, un prestixio e un bo facer que non se debe desautorizar nin pór en tea de xuízo cando o que din non lle gusta”. 

“O mínimo que se lle pode esixir a un representante público é escoitar o COAG con respecto e, de boas formas, pode dicir que non comparte a súa opinión, mais insinuar que detrás hai unha instigación política está fóra de lugar e non se pode tolerar”, concluíu o portavoz municipal nacionalista.

Pola súa banda, os socialistas propoñen que o parque infantil da praza de Galicia se traslade á Alameda. María Gómez Bugallo presentou unha proposición pedindo un informe técnico que mida a contaminación ambiental antes de seguir adiante co parque infantil da praza de Galicia.

Ademais da presentación da proposición, que xa anunciara, a concelleira socialista María Gómez propuxo no transcurso do pleno ordinario do xoves 30 de xaneiro que o parque infantil que está a facerse na praza de Galicia se traslade ao parque da Alameda, xunto á nova cafetería que se está construíndo. Ao estar a escasos metros da praza de Galicia considera que "daría servizo ao mesmo sector da poboación e non necesitaría un informe técnico ambiental, dado que está rodeado de vexetación".

Lembrou ao goberno do PP que os socialistas "non só dicimos o que fan mal, tamén facemos propostas e damos alternativas, unha forma de facer oposición que vostedes non coñecen nin teñen coñecido nunca, en ningunha das distintas institucións nas que lles ten tocado ser oposición incluído neste Concello".

Tamén respondeu ás acusacións da concelleira María Pardo de que o grupo socialista pretendía promover un Gamonal en Santiago, dicindo que entendía "ata un punto" o seu razoamento "porque no seu dicionario as palabras democracia ou liberdade non deben ter o mesmo significado que no noso". "Nós estamos a cumprir coa nosa obriga que é fiscalizar o seu traballo, e defender os intereses dos veciños, e neste caso a saúde e a integridade física dos máis pequenos e pequenas", dixo Gómez Bugallo. E aclarou que "non nos ofendeu, se era o que pretendía".