El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

mércores 28 de xaneiro

Presentación de Antoloxías do SENTIMENTALISMO na galería de arte Bus Station Space de Santiago

27.01.2014 
A- A+

Hoxe, 28 de xaneiro, ás oito da tarde, presentaranse na galería de arte Bus Station Space as antoloxías poéticas do sentimentalismo – Vangarda Artística Galega, nun acto conducido por Luisa Pita, directora da galería, e Carlos Arias, poeta integrado neste movemento e colaborador da edición dixital de El Correo gallego.

Creado por Xesús Manuel Valcárcel, o movemento sentimentalista baséase nunha concepción integradora da creación artística, e no recoñecemento de que todas as persoas contribuímos á creación do espazo común. Compatible cun desenvolvemento individual –irrenunciable, para os postulados desta nova corrente–, o sentimentalismo procura unha visión máis ampla, de aceptación e de suma, que se abra ás posibilidades de desenvolvemento desde un espazo necesariamente compartido.

Co título xenérico de Antoloxía de referencia, apareceron nos  últimos anos tres volumes, con cadanseus sete autores ou autoras, en representación das correntes actuais da lírica galega, ás que o sentimentalismo lles recoñece unha capacidade transformadora que conduza a unha integración frutífera nun espazo cultural común en expansión.

O primeiro volume aparecido, Etapa de fundación, preparado en 2011 por Manuel Celso Matalobos e Olga Patiño Nogueira recolle, à parte de textos dos autores da escolma, traballos de Carlos Arias, Cristina Ferreiro Real, Xesús Alfonso Parada, Mariña Pérez Rei e Xesús Manuel Valcárcel.

O segundo volume, Etapa de implantación, preparado, tamén en 2011, por Carlos Arias e Mariña Pérez Rei, conta coa presenza de sete poetas de obra sólida e contrastada, nos que o sentimentalismo ve os valores necesarios para un novo ciclo na cultura de Galicia, caracterizado polo recoñecemento dos recursos na súa totalidade, por encima do lícito desenvolvemento individual, procurado nunha expresión común. Deste xeito, aparecen Yolanda Castaño, Xulio Cid Neira, Olalla Cociña, Francisco X. Fernández Naval, Xabier López Marqués, Baldo Ramos e Eva Veiga, en representación do magnífico momento que vive a creación lírica galega.

Finalmente, con Xavier Lama e Branca Novoneyra como responsables da edición, apareceu a finais de 2013 o volume que pecha esta primeira fase do Proxecto: Etapa de expansión, con Berta Dávila, Cristina Ferreiro, Xurxo Martínez González, Celia Parra, Elías Portela, Ismael Ramos, Helena Salgueiro. Nomes novos, autoras e autores aínda nunha etapa vital temperá, compatible cunha traxectoria moi sólida e cun recoñecemento ben contrastado, ou cunha perspectiva de evolución francamente prometedora, á procura dun futuro de amplitude e de liberdade, como base necesaria para a creación.