El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

Presentación do novo libro do doutor Martínez

REDACCIÓN  | 28.11.2017 
A- A+

Santiago. A Facultade de Medicina de Santiago acolle hoxe a presentación da nova obra literaria de Manuel Martínez. O autor é xefe de servizo no hospital Clínico de Santiago ademais de profesor nesa facultade, que está moi presente –ao igual que a propia Universidade e a cidade de Santiago–, neste seu segundo libro que edita Bolanda tras a novela Los baños de clareo, baseada na historia do termalismo galego do século XX.

Na Cidade do Perdón é o título desta nova obra que se presenta en forma de relatos co nexo común da cidade na que se desenvolven as historias que Manuel Martínez ficciona sobre personaxes e feitos que teñen un substrato real e que moitos coñecerán, pero que, pasados pola pluma áxil e irónica do autor, converteranse en auténticas historias capaces de configurar a “historia non oficial” desta cidade milenaria. As Marías, o mestre Bretón ou o holandés errante son algúns dos protagonistas do novo libro de Manuel Martínez.

ENTRADA LIBRE. A obra será presentada polo autor en compaña do editor Antonio Couto, do catedrático de Medicina Preventiva Juan Gestal e do decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía, Julián Álvarez Escudero, que presidirá o acto que terá lugar no salón de actos da Facultade de Medicina, ás 19.30 horas. A entrada ao acto será libre ata completar o aforo. redacción