El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

I Xornadas de Piano Contemporáneo nos Conservatorios

A prestixiosa pianista Elisa Vázquez Doval trae a Santiago os compositores contemporáneos

Ofrece un concerto 'explicado' no Conservatorio Profesional ás 19:00 horas deste mércores

Elisa Vázquez Doval
Elisa Vázquez Doval

SANTIAGO  | 08.02.2017 
A- A+

Este mércores 8 de febreiro terá lugar no Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela un concerto de piano a cargo de Elisa Vázquez Doval. A cita será ás 19:00 horas e está enmarcada dentro das 'I Xornadas de Piano Contemporáneo nos Conservatorios', que organiza a Asociación Pianeiros en colaboración cos tres Conservatorios Profesionais de Música da provincia da Coruña. No acto poderanse escoitar pezas musicais de autores pouco frecuentes nas nosas salas de concerto, John Cage, Mercedes Zabala, Beat Furrer ou Eliott Carter, entre outros, todos eles compositores do século XX e do XXI. A destacar que a pianista explicará as obras previamente á súa interpretación de cara a facilitar a escoita e darlle un matiz didáctico ó concerto. Os que queiran repetir poderán escoitalo de novo o xoves 9 na Coruña e o venres 10 en Ferrol.

Elisa Vázquez Doval conta cunha ampla traxectoria como solista e músico de cámara. Foi invitada a tocar en prestixiosos auditorios como o Concertgebouw en Ámsterdam ou o Vredenburg en Utrech e deu concertos por varios países de Europa. O seu especial interese pola música contemporánea levoulle a investigar e interpretar o repertorio para piano das últimas décadas. Ten un Máster en piano do Conservatorio de Utrech, estudou en Rotterdam, Madrid, Barcelona e Santiago, con apoio do Ministerio de Asuntos Exteriores, Fundación Caixa Galicia e a Ecole de Música de Niza, entre outras institucións.

Pianeiros é unha entidade sen ánimo de lucro que ten coma principais obxectivos favorecer a difusión da cultura pianística en todo o territorio da Comunidade Autónoma e apoiar a ampliación formativa dos estudantes de piano de Galicia que se atopan nas súas etapas iniciais de aprendizaxe musical.