El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

SUMINISTROS

Raxoi firma convenios para axudar aos máis necesitados de Santiago

ECG   | 26.03.2020 
A- A+

A sesión extrarordinaria da xunta de goberno acordou a validación de contratos de emerxencia en relación a esta situación. Entre eles, ratificáronse os de subministración de produtos de alimentación e de hixiene básica con varios supermercados. Deste xeito, as familias que o precisen poden facer uso destes tíckets especiais de compra nos establecementos adheridos a esta campaña, que estarán debidamente identificados. As persoas que o precisen poden obtelos chamando ao teléfono 010.

En concreto, o Concello xa subscribiu estes acordos coas empresas Alcampo, Día, Froiz, Gadis, El Corte Inglés e Vego-Eroski, pero continúanse as conversas con outras firmas para que se poidan incorporar a esta modalidade. As familias en situación de vulnerabilidade poderán facer uso de tíckets especiais de compra por valor de 50 euros quincenais no caso de unidades familiares de unha ou dúas persoas, e de 50 euros semanais no caso de unidades con tres ou máis integrantes. As persoas que o precisen poden obtelos chamando ao 010. O Concello tamén quere que se incorporen establecementos máis pequenos de barrio, polo que se está a buscar unha fórmula, en base a un pago anticipado, de xeito que poidan presentar facturas diarias ou semanalmente, que lles serían abonadas sen esperar á tramitación. Nas cadeas de supermercados a liquidación realizarase mensualmente.

Tamén aprobou a adquisición de 2.000 pares de luvas, que serán destinadas a Policía Local, Bombeiros, Protección Civil e outros servizos. A propósito desta cuestión dos materiais, Sánchez Bugallo recoñeceu que "todos nos movemos con enorme precariedade de medios, pero nestes momentos dispoñemos de guantes, traxes de protección -non son o modelo recomendado, pero sérvenos-, e de máscaras de respiración". "Unha parte do material conseguímolo como puidemos e por onde puidemos, non de ningunha administración, senón a partir de axuda privada, médicos, comunidade chinesa... e noutros casos comprándoo". Apuntou que está previsto recibir o venres 4.300 máscaras.