El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

ADMINISTRACIÓN DIXITAL

Reclaman que se amplíe o pago fraccionado a todos os impostos

ECG   | 26.03.2020 
A- A+

A portavoz do BNG, Goretti Sanmartín, trasladou a proposta de fraccionar taxas e impostos para facilitar o seu pagamento cando se retome a actividade económica. "Urxe activar o pagamento fraccionado de impostos para evitar ter que pagar todo xunto e en coincidencia co inicio do curso escolar", destacou. Entre as medidas de carácter tributario, ademais das dirixidas á Xunta e ao Goberno do Estado, destinadas a mellorar a situación de persoas autónomas, pequenas e medianas empresas, sinala o pagamento de impostos á carta; isto é, o fraccionamento mensual dos recibos municipais para poder abonar as cotas que correspondan a prazos e de xeito reducido. Cando se retome a actividade, esta medida pode servir para aliviar a economía doméstica tras o peche temporal da maioría das empresas, comercios e servizos, que supón un importante recorte ou perda de ingresos e salarios. Para Sanmartín, o fraccionamento é tamén unha medida de política social que, xunto coa da progresividade, favorece principalmente ás persoas con menos recursos. Deste xeito, reclama que toda vez que se anunciou que a Oficina do Contribuínte vai pospoñer o cobro de taxas e impostos, este se realice consonte ao pagamento fraccionado de xeito mensual e non limitado a tres cotas. Para o BNG, a escusa da dificultade técnica da administración electrónica na área económica xa non serve nun caso de emerxencia. Así, procúrase contribuír a un equilibrio socioeconómico e a darlle flexibilidade ao calendario fiscal, cun plan de pagamento personalizado non exclusivo para o IBI, senón que se aplique para todos os impostos municipais.