El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

Reclámase maior consenso político no foro do Turismo de Galicia

25.10.2011 
A- A+

Unha delegación do Foro do Turismo de Galicia, colectivo que aglutina a máis de cen representantes de todos os subsectores que desenvolven a súa actividade socioeconómica no eido do turismo en Galicia, dende axencias de viaxes ata balenarios, pazos, cámpings, hoteis, pensións e outro tipo de aloxamentos, así como guías turñisticos e profesionais da restauración de todo o país, asistíu esta mañá ao debate parlamentario e aprobación da nova Lei de Turismo de Galicia. 

Dende o Foro do Turismo de Galicia bótase en falla un maior consenso político para dotar ao sector turístico dunha estabilidade lexislativa, máis aló da alternancia política, tan necesaria para a planificación estratéxica e para deseñar accións e políticas de promoción e comercialización turística de medio e longo prazo. Dende o Foro do Turismo de Galicia entendemos que sería preferible ter aprobado un marco xeral básico, como fixemos saber aos tres grupos parlamentarios no momento da nosa constitución, no que os tres partidos puideran chegar a un acordo de base e xerar un consenso mínimo nun eido socioeconómico tan importante do noso tecido productivo.  


O Foro
defende a importancia estratéxica do turismo na economía de Galicia para que este sector esencial, polo que pasa a saída da crise económica, deixe de ser un anano político e un xigante económico e ofrece toda a súa colaboración para poñer todo o seu coñecemento e experiencia ao servizo da administración para desenvolver os regulamentos e os decretos específicos de cada un dos subsectores, posto que a realidade muda de xeito tan rápido que a normativa debe permitir a suficiente flexibilidade para adaptarse aos cambios, a risco de aprobar unha normativa excesivamente extensa que no momento da súa aprobación xa pode resultar sobrepasada pola realidade complexa e cambiante do sector turístico, como está a acontecer coa oferta ilegal de aloxamento e coas prácticas irregulares de comercialización a través de Internet. Por iso entendemos tamén que sería preferible ter elaborado unha normativa máis básica, con menos extensión e menor regulación taxativa, xa que un regulamento ou un decreto pode modificarse cando a realidade muda, mentres que unha Lei require máis tempo e esforzo para a súa modificación.

O Foro do Turismo de Galicia solicita formalmente unha xuntanza cos membros da Comisión Sexta do Parlamento, para achegar a súa vontade de colaboración e para abordar os importantes cambios que se propoñen na enmenda presentada polo PP para a reorganización administrativa de Turismo de Galicia, perfilando con base no coñecemento e na experiencia do sector privado a refundición de Turgalicia, Xacobeo, Instituto de Estudos Turísticos e Secretaría Xeral de Turismo da Xunta de Galicia nunha nova axencia. Convencidos do enorme potencial de Galicia, especialmente no eido do turismo internacional, o Foro do Turismo de Galicia tamén reclama a celebración dunha xuntanza cos voceiros dos grupos parlamentarios , cos membros da Comisión Sexta do Parlemento e a activación do Consello de Turismo de Galicia para definir as liñas estratéxicas da administración autonómica no fomento da conectividade aérea dende unha perspectiva integral e nas accións de regulación, ordenación promoción e comercialización turística. 

Na sociedade do coñecemento a intelixencia é colectiva e non individual, polo que a pesar de non conseguir un gran pacto social e político para a defensa do sector turístico de Galicia en clave de país como era a nosa intención, poñemos todo o noso coñecemento e experiencia ao servizo dos decisores públicos para definir as liñas de actuación nun sector que actuamente representa máis do 15% do PIB e do emprego de Galicia e que aínda presenta un enorme potencial de desenvolvemento, especialmente no eido do turismo internacional, para a dinamización doutros sectores da economía galega coma o comercio, a industria, o ocio, a cultura, o transporte ou o sector primario. 

Para conseguir estes obxectivos, nun eido da nosa economía no que cada euro ben investido pode xerar un retorno de máis de cincuenta euros para toda a economía, é esencial que o Foro do Turismo de Galicia, onde están representados todos os subsectores que desenvolven a súa actividade socioeconómica no eido turístico, poida orientar as accións e as decisións da administración autonómica con criterios puramente empresariais, de eficiencia, eficacia, racionalidade e sentido común. Porque é moito o que está en xogo e o que depende das decisións que se tomen agora. Nin máis nin menos que o futuro dun dos sectores estratéxicos da economía galega, que presenta aínda un enorme potencial de internacionalización a través da potenciación do turismo estranxeiro, especialmente o europeo e  o americano, un tipo de turismo que viaxa en tempada baixa e que posúe un elevado poder adquisitivo, tan necesario para reactivar o turismo, por extensión, tamén a economía de Galicia.