El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

"A Rocha Forte é un elemento clave para entender a historia de Santiago"

O arqueólogo José Suárez é coautor dun libro sobre a fortaleza situada en Conxo // A publicación ten como obxectivo poñer en valor este castelo que foi símbolo do poder feudal do Arcebispado

Radio Obradoiro

Radio Obradoiro

Entrevista

José Suárez, arqueólogo


SANTIAGO. RO/CDS  | 24.12.2013 
A- A+

O Centro Sociocultural da Rocha acolleu a presentación dun libro 'Rocha Forte'. A publicación ten como obxectivo por en valor esta fortaleza da Rocha Forte, símbolo do poder feudal do Arcebispado e clave na historia medieval de Santiago e de Galicia. Así o sinalou en Radio Obradoiro un dos autores do libro, o arqueólogo José Suárez. 

Segundo dixo, "A Rocha Forte é un elemento clave para entender a historia de Santiago. O feito de ser arrasado e esquencido levou a que haxa pouco coñecemento sobre el. A Rocha Forte xogou un papel importante durante 300 anos, entre os séculos XIII e XV, nas vicisitudes da cidade. Compostela era importante en Galicia e na península. A Rocha Forte era o castelo do señor da Terra de Santiago, un dos máis importantes señores feudais da coroa castelá-leonesa". Segundo Suárez. a foi destruida na revolta irmandiña e porteriormente o arcebispo non tivo interese en reconstruila e recuperala. "Incluso parte das súas pedras levounas para facer outra fortaleza, a do Pico Sacro", dixo. 

A este libro súmase a edición dun tríptico e a creación dunha páxina web, que será presentada en breve. Ademais, en 2014 comezarán as visitas guiadas ao xacemento, co fin de seguir divulgando a súa historia.

Suárez explicou que estes materiais divulgativos veñen a complementar os labores de escavación que se viñeron realizando nos últimos meses, posibles grazas a unha subvención do Ministerio de Cultura dun millón de euros. Estes traballos, segundo dixo, permitiron novos descubrimentos, como un pequeno camposanto, e a definición doutros, como a torre da homenaxe. O proxecto actual concluirá nos vindeiros días co valado da fortaleza e a colocación de paneis informativos.

Editáronse 5.000 exemplares de Rocha Forte, que serán repartidos en centros socioculturais, colexios, bibliotecas e outros puntos de divulgación cidadá. A publicación realizouse nun formato moi visual, con abundantes fotografías e con explicacións nunha linguaxe sinxela e accesible das principais características do xacemento.