El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

Sanmartín pide melloras no proxecto de reforma da zona dos Concheiros

Cree que non está ben resolta a desviación de todo o tráfico ás Fontiñas // Reclaman diálogo cos veciños

Goretti Sanmartín e Rubén Cela, onte en Raxoi - FOTO: ECG
Goretti Sanmartín e Rubén Cela, onte en Raxoi - FOTO: ECG

S. CUIÑA   | 26.04.2019 
A- A+

Mellorar o proxecto de remodelación dos Concheiros para ampliar ambas beirarrúas, integrar a avenida de Lugo e solucionar o desvío de tráfico ás Fontiñas pola zona dos centros educativos é a demanda que onte platexou o Grupo Municipal do BNG. Trátase dunha actuación da Xunta, co visto e prace e supervisión do Concello, cun orzamento de 2,5 millóns de euros e cun ámbito de actuación de 6.700 m2, "que supón un cambio importante en accesibilidade, mobilidade, distribución de espazos e tránsito viario para unha parte importante da veciñanza de Santiago", explicou Goretti Sanmartín, voceira do Bloque.

"O BNG defendeu sempre que houbese unha mellora da accesibilidade dos Camiños de Santiago e tamén estamos de acordo en pacificar o tráfico na avenida de Lugo, cun deseño global que permita converterse nun espazo de paseo e non ser un periférico en pleno centro de Santiago, como un boulevard, onde se recuperen os baixos comerciais", destacou.

Mais, para os nacionalistas, existen "dúbidas importantes para lle dar o visto e prace a este proxecto", en consoancia coas queixas do asociacionismo veciñal sobre a falta de información e de canalización das súas propostas. "O procedemento de diálogo e de participación fíxose mal coa veciñanza de San Pedro e coa das Fontiñas, nin sequera tiveron reunións informativas", cando é un ámbito afectado a respecto da mobilidade e o tráfico viario, "porque se lles deu todo o proxecto practicamente feito". Na zona dos Concheiros transitan arredor de 20.000 vehículos diarios e, ademais dos residentes das Fontiñas, tamén están afectadas as comunidades dos centros educativos da zona, pois o tránsito vai decorrer por Monte dos Postes coas modificacións novas. Así, explicou que non se informou ás comunidades educativas do CEIP Monte dos Postes, os IES As Fontiñas, Antón Fraguas nin do Conservatorio. "No proxecto non se aclara ben cal é a influencia de desviar o tráfico por esas rúas e se hai un plan de mobilidade non o coñecemos", engadiu.

Na intersección de entrada a Concheiros preténdese facer algo semellante ao de Montero Ríos e Xeneral Pardiñas, con preferencia peonil, "mais nos Concheiros vai ser vía semáforos para a regulación de tráfico. Entendemos que ten que haber outra solución desde o punto de vista técnico acorde con esa estética e semi-peonalización", engadiu. "Para o BNG tamén é necesario ampliar a beirarrúas da dereita entrando na cidade, que o proxecto deixa máis estreita e integrar peregrinos co resto de viandantes, pois xa están na cidade".

"Na Comisión Asesora de Patrimonio Histórico, no 99 % dos casos, o BNG e en xeral o conxunto de forzas políticas, secunda os ditames da comisión técnica; mais desta vez non foi así e abstivémonos polas múltiples dúbidas que presenta este proxecto dos Concheiros", explicou o edil Rubén Cela durante a comparecencia.