El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

Benigno Amor Barreiro, Director do museo da Casa de la Troya

"En Santiago temos a sorte de gozar dun gran patrimonio que debemos protexer"

A Casa de la Troya "é un museo romántico. Recrea a pensión de estudantes e a vida universitaria de Santiago a finais do século XIX que inmortalizou Pérez Lugín na súa novela 'La Casa de la Troya'. Nela aloxábase o personaxe principal, Gerardo Roquer, e os seus compañeiros de estudos". Desde o 17 de xullo abre a diario – excepto domingos e luns– con mor da celebración do XXV aniversario do museo, que dirixe desde hai oito anos Benigno Amor Barreiro.

Benigno Amor, na Casa de la Troya, unha xoia con historia en Santiago - FOTO: Vía Láctea
Benigno Amor, na Casa de la Troya, unha xoia con historia en Santiago - FOTO: Vía Láctea

MARÍA ALMODÓVAR SANTIAGO   | 11.08.2018 
A- A+

Lembro a primeira vez que fun visitar a Casa de la Troya, ía coa miña avoa e a sensación que tiven foi moi agradable. Como se fan hoxe as visitas, Benigno?

Todas as visitas son guiadas e teñen unha duración aproximada de vinte minutos. Dende a inauguración do museo optouse por esta fórmula con obxecto de que os visitantes puidesen vivir a experiencia de viaxar durante un momento á Compostela de finais do século XIX, retratada na novela de Pérez Lugín. Coido que este xeito de amosar a Casa de la Troya ten atractivo para público de diversas xeracións e permítelle aos máis novos aprender dun xeito lúdico cousas dos seus maiores.

Cóntase que esta casa sempre estaba chea. Estudábase, pero, sobre todo, gozábase da vida. Cambiou moito a sociedade, xa non gozamos tanto?

Aínda que a sociedade cambiou en moitas cousas e a globalización tende á estandarización, facéndonos perder sinais de identidade, coido que segue habendo aspectos da novela que son perfectamente reconocibles na vida de hoxe. O certo é que o tempo transcorría máis lentamente naquel entón e había máis espazo para as realacións persoais.

Tendo en conta o argumento da novela, dedicada aos mozos que están obrigados a estudar lonxe de casa, cre que hoxe sería posible trasladala ao século XXI? (Parece que os estudantes desexan marchar para obter a liberdade, aínda que logo volvan).

A novela La casa de la Troya é filla do seu tempo, e a súa lectura permítenos comprender aspectos daquela sociedade decimonónica. Coido que podemos trasladar ao século XXI matices que Pérez Lugín salienta, como o valor da amizade, o compañeirismo dos estudantes e o seu ánimo trouleiro. Mais trasladar a historia ao século XXI faría que perdese gran parte do seu encanto e faría incomprensibles determinadas situacións claves na novela. O que si penso que se podería facer é aproveitar os medios técnicos actuais para facer unha serie televisiva baseada na novela. Hai grandes profesionais galegos que poderían interpretala e abarcar todos os aspectos técnicos da produción; e contamos cos decorados orixinais precisos, que non son outros que o Casco Histórico de Santiago, polo que podería ser un gran reclamo turístico-cultural para a Cidade.

Casa de la Troya organiza cada venres desde maio un paseo literario teatralizado polo centro histórico de Santiago. Cal é o obxectivo?

Trátase dun roteiro cultural teatralizado, un modelo de visita que se está facendo con grande éxito en moitas cidades de España e de Europa. O noso obxectivo é, por unha banda, contextualizar o museo no marco da cidade e do seu tempo, tratando de achegar un público familiar; e, por outra, está en liña coa nosa pretensión de desenvolver actividades que dinamicen o museo e a súa ­contorna.

Más información en El Correo Gallego (edición papel) y en Orbyt